DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo conclúe a tese de doutoramento de Joel de Oliveira

Preto do 80% dos surfistas españois e portugueses participaron no rescate dun bañista

O estudo destaca o papel que poden xogar como parte dunha estratexia de prevención de afogamentos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 12/01/2023

Segundo os datos da Asociación Internacional do Surf, en España e Portugal preto de medio millón de persoas practican un deporte que con frecuencia convirte a aqueles e aquelas que o realizan en posibles intervenientes nun incidente acuático. Levar a cabo o “primeiro intento de analizar a frecuencia e as condicións” dos rescates realizados por surfistas nestes dous países constituía un obxectivos da tese de doutoramento que Joel de Oliveira defendeu na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. A través dun cuestionario respondido por 2048 surfistas de ambos países, De Oliveira puido constatar que o 78,5% tiveran “que realizar cando menos un rescate na súa vida”, pero tamén que pese a que estes deportistas “poden desenvolver un papel importante” á hora de evitar afogamentos, “a gran maioría non tiñan os coñecementos esenciais sobre manobras de rescate e reanimación”. 

Profesor do Instituto Politécnico do Porto e adestrador de surf e natación, de Oliveira realizou a súa tese Formación en seguridad acuática desde la educación (escuela) hasta el deporte (surfing), no programa de doutoramento en Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable da UVigo, baixo a dirección do profesor do campus pontevedrés Roberto Barcala e da docente da Universidade do Porto Ana Catarina Queiroga. Xunto á que é a primeira investigación que busca “caracterizar os rescates realizados por surfistas de Portugal e España”, a súa tese engloba outros dous estudos, centrados no papel dos instrutores de surf e na efectividade dunha actividade formativa sobre as correntes de resaca na poboación adolescente.

Presentes en múltiples rescates, pero sen formación neste eido

Como lembra de Oliveira, Nacións Unidas fixo pública recentemente a súa preocupación polo feito de que os afogamentos fosen “a causa de máis de 2,5 millóns de mortes en todo o mundo na última década”, o que leva a pór de relevo na importancia da prevención neste eido. Mais, cando “pasamos ao campo da intervención”, nela pode resultar crucial o papel das testemuñas, especialmente cando non hai socorristas no lugar do incidente. De feito, lembra, “nas praias australianas, os surfistas realizan tantos rescates como os socorristas profesionais”. Mais, no caso da península ibérica non existían datos respecto da “frecuencia e condicións dos rescates acuáticos” nos que interveñen, o que motivou a realización dun cuestionario, no que o 78,5% dos participantes, o 91% homes, afirmaron terse visto envoltos nun episodio deste tipo cando menos unha vez. No 49,5% dos casos, ademais, os rescates déronse en “praias non vixiadas ou fóra do horario de vixilancia”. 

Porén, a pesar de que máis do 37% dos participantes contaba con máis de 20 anos de experiencia na práctica do surf, “a gran maioría non tiñan os coñecementos esenciais sobre manobras de rescate e reanimación”, subliña De Oliveira. De feito, preto do 36% nunca realizara un curso sobre reanimación cardiopulmonar e só o 24% tiña experiencia profesional como socorrista. Non obstante, pese a esta falta de formación, “teñen experiencia na auga, coñecen os principais perigos asociados co risco de afogamento e son na súa maioría nadadores competentes”, lembra o investigador, que pon o foco no “papel vital” que poden xogar “como parte dunha estratexia de prevención de afogamentos”. De feito, no caso dos episodios “máis graves”, só o 19% das vítimas pediran axuda, mentres que na maioría dos rescates “o surfista viu á persoa en perigo e decidiu axudar”. Na maioría dos casos, as vítimas atopábanse en risco porque “quedaran atrapadas nunha corrente de resaca”, fluxos de auga “que poden arrastrar aos bañistas lonxe da costa rapidamente” e que os surfistas empregan “para chegar a área onde rompen as ondas” respecto dos que o 94% dos participantes no cuestionario demostraron ter “un coñecemento adecuado”. 

Prevención na formación de novos surfistas

Outro dos estudos incluídos nesta tese tiña como obxectivo “analizar as prácticas educativas en relación coa prevención de lesións e afogamentos” por parte dos instrutores e instrutoras de surf, a través dun cuestionario realizado a 102 monitores portugueses. Este permitiu constatar que se ben o 93% “son conscientes da importancia dos hábitos de prevención”, boa parte “ignoran as medidas preventivas clave cando ensinan” a principiantes, tanto no referido ás lesións máis comúns neste deporte como á “primeira resposta ao rescate acuático”. Por exemplo, “só o 60,8% dos entrevistados” trasladaron nas primeiras clases “medidas para protexer a cabeza durante as caídas”, sendo máis frecuente a inclusión deste tipo de cuestións no caso dos instrutores con máis de 15 anos de experiencia. 

Por outra banda, o 72% dos participantes afirmou que tivo que realizar cando menos un rescate nos últimos dous anos, período no que só o 43% asistira a un curso de soporte vital básico. Nese senso, esta investigación pon de relevo tanto o papel que estes profesionais poden desempeñar “na primeira resposta aos eventos de afogamento” como a necesidade de que estes conten con maior capacitación neste eido. 

Formación a poboación de risco

A tese complétase cun estudo dirixido a “avaliar un programa piloto de formación”, baseado no uso dun vídeo de ficción sobre as correntes de resaca, levado a cabo con 120 mozos e mozas de entre 14 e 16 anos, residentes na provincia de Pontevedra. Este traballo permitiu constatar que “máis da metade” non coñecían as correntes de resaca ou non as identificaban nunha zona de baño. Nese senso, o uso de materiais didácticos audiovisuais “baseados nos intereses” dos mozos permitiu mellorar o seu grao de coñecemento neste eido, xa que despois deste programa formativo “case dous terzos” dos participantes afirmaron que “escollerían un lugar de baño máis seguro” e preto do 80% adquiriran “os conceptos teóricos de como actuar en caso de verse envoltos nunha corrente de resaca”, explica o autor desta tese. De aí que este estudo leve a pór o foco tanto na importancia da formación en materia preventiva como na “identificación de grupos de risco”, xa que os adolescentes “non son capaces de establecer unha valoración obxectiva do risco”, como amosa o feito de que preto da metade dos participantes no estudo “tivo a sensación de que podería terse afogado” nalgunha ocasión.