DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Docentes das tres universidades promoven o II Congreso Mundial de Educación Educa 2019

Preto de 800 persoas participarán este mes nun foro internacional sobre a educación

Desenvolverase entre os días 21 e 23 de febreiro na Cidade da Cultura

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Pontevedra 08/02/2019

Servir como un foro de intercambio de coñecementos e experiencias didácticas entre profesorado e alumnado de todas as etapas educativas é o propósito central do II Congreso Mundial de Educación Educa 2019, que entre o 21 e o 23 de febreiro desenvolverase na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e que conta con máis de 800 inscritos e inscritas, segundo explica a investigadora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Maite Abilleira, unha das integrantes do comité organizador dun evento promovido pola asociación Educa, coa colaboración das tres universidades galegas. 29 conferencias e a presentación de 166 comunicacións e pósters integran o programa dun evento que se completa, o sábado 23, coa celebración da gala de entrega dos Premios Educa Abanca ao mellor docente de España. 

Profesorado das tres universidades galegas, entre eles varios investigadores e investigadoras da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus pontevedrés, e doutros niveis do sistema educativo integran o comité organizador dun evento que conta tamén co apoio da plataforma MIAC (Maestros Innovadores Alumnos Competentes) e que, na súa segunda edición, trasládase da Coruña á Santiago. “Superáronse as nosas previsións”, recoñece Abilleira dun evento que busca reunir a docentes e estudantes de diferentes áreas e etapas co propósito de que “establezan sinerxías e liñas de actuación para a mellora da educación”, segundo salientan o comité organizador deste congreso, que encabeza o docente da UDC Víctor Arufe.

Conferencias e grupos de traballo

Ao longo das súas tres xornadas, este Congreso Mundial de Educación combinará unha serie de conferencias maxistrais en horario matinal con outra serie de relatorios “especializados en temas específicos de cada área e etapa educativa” e a presentación de traballos de investigación, en horario de tarde. A profesora da escola comunitaria de Alperton, Londres, Andria Zafirakou, gañadora do “prestixioso premio Global Teacher 2018”, será a responsable de impartir a conferencia de apertura nun evento no que tamén participarán entre outros, a consultora estadounidente LaVonna Roth ou o profesor da Universidad de Belgrano arxentina Hernán Aldana, quen falará de como “sobrevivir na aula na área da distracción dixital”. Así mesmo,  entre os e das responsables das conferencias plenarias deste evento figura tamén o profesor da Universidade de Vigo Manuel Isorna quen falará, xunto ao investigador da USC Antonio Rial das claves e desafíos para educar na sociedade actual.

A esta serie de relatorios súmanse, nas tardes dos días 21 e 22 unha serie de grupos de traballo centrados nas seis áreas en torno ás que se articula este congreso, educación infantil; física, artística e musical; idiomas e linguas estranxeiras; ciencias sociais e humanidades; ciencias naturais e matemáticas e xestión, dirección de centros, educación emocional ou atención á diversidade. O evento completarase así mesmo, na tarde do sábado 23, coa gala de entrega dos premios impulsados pola plataforma Educa para recoñecer o labor das e os docentes de diferentes niveis educativos.