DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo encargado polo Consello Social da UVigo

Preto do 90% do alumnado considera que dispor de apoio para atopar aloxamento pode influír na elección de universidade

O traballo foi presentado nunha sesión plenaria da entidade celebrada este martes en Maceda

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Reitora
  • Institucional
DUVI Ourense 21/07/2026

O Consello Social da Universidade de Vigo celebrou este martes no concello ourensán de Maceda un pleno extraordinario no que, entre outros temas, se presentou un estudo sobre a situación do aloxamento universitario nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra. Entre os datos recollidos nel destacan que preto do 90% do alumnado considera que dispor de apoio para atopar aloxamento pode influír na elección de universidade e que un gran número de estudantes bota en falta apoio oficial para atopar aloxamento.

O estudo foi presentado nunha sesión especial por diferentes motivos. Por unha banda, foi o primeiro pleno do Consello Social no que participou a nova reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo; a nova secretaria xeral, Emma Rodríguez, e a nova xerente da institución académica, Ana Comesaña. Dándolle a benvida a este órgano, Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social, expresou a súa vontade de manter unha estreita colaboración co novo equipo reitoral para seguir avanzando nos grandes desafíos estratéxicos da Universidade. Por outro lado, foi a primeira xuntanza plenaria que o Consello Social da UVigo realiza fóra dos espazos universitarios ou empresariais. Durante a sesión, celebrada no castelo de Maceda, o presidente do Consello Social destacou o carácter simbólico deste encontro e agradeceu a acollida do concello e da súa alcaldesa, Uxía Oviedo, así como a colaboración do doutor José Manuel Lage, impulsor do Museo do Médico Rural de Maceda visitado previamente polos asistentes.

Primeiros datos do estudo

Baixo o título de O aloxamento universitario na Universidade de Vigo. Contexto, diagnóstico e retos, o estudo encargado polo Consello Social da UVigo foi realizado por Isabel Diéguez, Ana Gueimonde e Andrés Mazaira, profesorado do Departamento de Organización de Empresas e Márketing da Universidade de Vigo e da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. O traballo combina a análise cuantitativa da oferta e da demanda de aloxamento, a comparación con outras universidades españolas e internacionais, a identificación de políticas e boas prácticas e a consulta directa ao alumnado, realizando neste último caso unha enquisa a máis de 700 estudantes da Universidade de Vigo.

Concretamente, o estudo estrutúrase en catro grandes bloques. O primeiro establece o marco conceptual e analiza o papel do aloxamento no sistema de acceso e vivencia universitaria, así como os diferentes modelos desenvolvidos noutros sistemas universitarios a nivel nacional e internacional.  O segundo realiza un diagnóstico da situación da UVigo desde a perspectiva da oferta, atendendo ás residencias, ao mercado de alugueiro nas cidades dos campus e aos instrumentos económicos, informativos e de acompañamento dispoñibles. O terceiro incorpora a perspectiva do estudantado e, finalmente, o cuarto, identifica posibles liñas de actuación para a súa valoración pola Universidade.

A relevancia da cuestión analizada, sinalan desde o Consello Social da UVigo, queda reflectida polos primeiros resultados do estudo dados a coñecer na xuntanza deste martes. Entre eles citan que o 87,9% do alumnado considera que a modalidade de aloxamento condiciona a súa experiencia universitaria e que case nove de cada dez estudantes afirma que dispor de apoio para acceder ao aloxamento asumible pode influír moito ou bastante na elección da universidade. Ademais, máis dun terzo do alumnado asegura ter botado en falta algún tipo de axuda institucional para buscar vivenda. Estes datos, indican desde a entidade, confirman que non estamos ante unha cuestión meramente residencial, senón ante un reto para o acceso aos estudos, a permanencia e a experiencia universitaria. Neste contexto, o Consello Social considera necesario impulsar medidas a medio e longo prazo que permitan mellorar as condicións de aloxamento do estudantado, facilitar a mobilidade entre campus e reforzar a competitividade da Universidade de Vigo nunha contorna universitaria cada vez máis esixente. A cuestión do aloxamento universitario, indican, converteuse nun dos principais retos para a igualdade de oportunidades e a captación de alumnado. Os resultados completos, as conclusións e as posibles liñas de actuación derivadas do estudo faranse públicos no mes de setembro.

Outros temas da xuntanza

Ademais da presentación do estudo, o pleno do Consello Social reuniuse para abordar outros temas, como a liquidación provisional do exercicio orzamentario da Universidade de Vigo e as contas de diferentes sociedades correspondente a 2025; a aprobación inicial da adxudicación das bolsas-colaboración concedidas polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes á Universidade de Vigo para o curso 2026/2027 e a aprobación dos prezos públicos aplicables a estudos propios dos programas de formación permanente da UVigo e as microcredenciais. Juan Manuel Vieites, presidente da Comisión Económica, presentou os distintos puntos da súa competencia, entre eles as contas provisionais de 2025. Como cuestións principais reflexionou sobre a evolución do remanente de tesouraría dispoñible e sobre gastos de persoal. Concluíu as súas intervencións pedindo á nova xerencia prudencia na contratación e o máximo rigor en todas as decisións con implicación económica.