DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Procedentes de centros de Vigo e das comarcas do Morrazo e do Salnés

Preto dun cento de estudantes de 3º e 4º da ESO participaron no campus na V Olimpíada de Química

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 15/06/2026

Integrados en 11 equipos, que mesturan estudantes dos diferentes centros participantes, preto dun cento de alumnas e alumnos de 3º e 4º da ESO participaron este luns no campus de Vigo na V Olimpíada de Química. Organizada polo equipo decanal da Facultade de Química, coa colaboración duns 40 docentes dos centros educativos, algúns dos cuais conforman o equipo número 12 e que constitúe unha novidade nesta edición; PTXAS, persoal investigador e alumnado, a Olimpíada reuniu estudantado de preto dunha decena de centros educativos de Vigo e das comarcas do Morrazo e do Salnés.

A xornada comezou coa formación dos equipos “non por centros, porque queremos fomentar a interacción entre estudantes, evitando ademais a competitividade entre eles”, explica Ángeles Peña, decana da Facultade de Química, que deseguido iniciaron as actividades xincana, escape room e traballo no laboratorio. “Todos os grupos pasan polas diferentes probas acadando puntos, que os e as coordinadores das probas poden levar a través dunha aplicación creada por un dos docentes que colaboran coa organización”, detalla a decana da Facultade de Química.

Na proba final, Quimianuncio Tabú, os equipos fixeron un anuncio publicitando un elemento ou composto químico, pero sen dicir o nome e o xurado debeu adiviñalo. Na entrega de premios e diplomas tamén se recoñeceron ás e aos docentes que participaron nas cinco edicións da olimpíada celebradas.