DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Familias e infantes poderán practicar natación, escalada, surf ou atletismo

Preto dunha decena de actividades desenvolverá a UVigo nos tres campus ao abeiro do Plan Corresponsables

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Igualdade
  • Deportes
DUVI 04/11/2022

Familias monomarentais e monoparentais, vítimas de violencia de xénero ou doutras formas de violencia contra a muller, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos, unidades familiares nas que existan cargas relacionadas cos coidados e familias que pertenzan á comunidade universitaria, son os colectivos que terán preferencia á hora de inscribirse para participar nas actividades que a UVigo programou ao abeiro do Plan Corresponsables. Ao longo dos meses de novembro e decembro mozas e mozos de entre 6 e 16 anos e familias con fillas e fillos ata 16 anos poderán participar na decena de actividades coas que a Universidade de Vigo participa no Plan Corresponsables, froito da colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e as tres universidades galegas.

Co obxectivo de promocionar a igualdade entre homes e mulleres fomentando a corresponsabilidade e favorecendo a conciliación das familias con infantes e xuventude menores de 16 anos, a Xunta e as universidades asinaron un convenio que ten como finalidade habilitar coidados a través de actividades de animación socio deportiva, eventos deportivos, obradoiros, campionatos e exhibicións. Así mesmo, tamén se poden desenvolver accións formativas sobre hábitos de vida saudables, primeiros auxilios no contexto deportivo, nutrición, violencia e igualdade no deporte, entre outros temas de interese, sempre que xeren accións e actividades orientadas a favorecer a conciliación das familias con nenos, desde un enfoque de igualdade. 

A oferta da UVigo: da natación ás rutas culturais pasando pola escalada 

Entre o 4 de novembro e o 4 de decembro desenvolveranse as actividades que a Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo programou ao abeiro do Plan Corresponsables e que se centran, por unha banda, na iniciación ao deporte para nenas e nenos de entre 6 e 16 anos, e pola outra, na práctica deportiva en familia con nenas e nenos ata 16 anos. As persoas interesadas poden inscribirse para participar nas actividades a través do Campus Activo da UVigo.

As xornadas de iniciación deportiva terán lugar en Ourense, onde as nenas e nenos poderán practicar natación 4 horas á semana e atletismo o 12 de novembro e o 3 de decembro. Pola súa banda, nos campus de Pontevedra e Vigo, os participantes poderán iniciarse na escalada, no rocódromo da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e do pavillón universitario, respectivamente.

Pola súa banda, o programa de actividades deportivas en familia inclúe rutas culturais polo río Lonia (Ourense) con magosto, por Gondomar (Pontevedra) e por Mondariz (Pontevedra). Tamén conta cunha xornada iniciación ao surf na ría de Vigo e unha ruta en caiak en San Simón, xornadas de xogos populares nos tres campus, un clinic de natación, salvamento e wáter-polo en Pontevedra e unha xornada en Vigo titulada Achégate ao cabalo.