Durante o mes de maio desenvolverase o programa ExploraCampus 2023
Primavera activa sen saír do campus
Andainas, orientación, BTT e circuítos de aventura, entre as actividades previstas
“Chamar a atención sobre as posibilidades que ten o campus e a súa contorna para desenvolver actividades físicas como poidan ser camiñar, andar en bici, correr ou practicar o deporte da orientación, entre outras”, é segundo Xabier Rial, director técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte, a finalidade do programa ExploraCampus, unha iniciativa da UVigo, destinada á comunidade universitaria, que este ano acada a súa terceira edición.
Tres actividades programadas: unha xornada de orientación o 6 de maio; unha andaina Zamáns/Beade o 13 de maio e circuítos de aventura no parque temático Marikiná Park, os días 20 e 25 de maio, conforman a oferta de ExploraCampus Primavera 2023, que se completa con actividades deportivas que as e os participantes poden realizar pola súa conta na pista de carreira a pé da zona deportiva; préstamo de bicicletas BTT coas que realizar rutas pola contorna do campus e o parque forestal de Beade; e rutas medioambientais desenvolvidas pola Oficina de Medio Ambiente da UVigo (OMA).
“A diferenza respecto doutras edicións é que esta vez queremos comunicar e poñer en valor o feito de que hai recursos que están a disposición de quen os queira utilizar”, destaca Xabier Rial, que lembra que “en xeral son recursos que están aí de maneira permanente, ou ben no campus activo (as rutas medioambientais, o plano de orientación), ou no pavillón (bicicletas BTT), ou son instalacións que están abertas sen limitacións de acceso (pistas de carreira a pé)”.
Para participar nas actividades as persoas interesadas deberán inscribirse en Campus Activo.
Actividades programadas
O sábado 6 de maio celebrarase a primeira das actividades programadas, unha xornada de iniciación á orientación, entre as 10 e as 13 horas, que coincidirá coa celebración do Campionato Galego Universitario de Carreiras de Orientación. O seguinte sábado, 13 de maio, terá lugar, entre as 10 e as 13.30 horas unha andaina Zamáns/Beade.
As actividades programadas rematarán o sábado 20 e o xoves 25 de maio con circuítos de aventura no parque temático Marikiná Park, a novidade da programación deste ano. “Marikiná Park abriu as súas instalacións no mes de decembro e está pegado á parte norte da circunvalación do campus, a escasos 500 metros da zona deportiva”, explica o director técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte.