DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Caeu por 3,5-2,5 fronte ao líder do seu grupo, o Xadrez Ourense

Primeira derrota da EXP-UVigo na División de Honra 

Este resultado limita as súas opcións de loitar polo título autonómico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 21/03/2022

Na quinta xornada de competición na División de Honra da Liga Galega de Xadrez, chegou a primeira derrota da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Estratexia pola Paz, que visitaba esta fin de semana ao líder do seu grupo, o Xadrez Ourense. Nun enfrontamento que se decidiu “no tempo engadido”, como sinalan desde o club universitario, o equipo ourensán derrotou pola mínima (3,5-2,5) ao pontevedrés, que ve moi limitadas as súas opcións de loitar polo título da máxima categoría do xadrez autonómico.

O feito de que o equipo local concorrese a esta rolda sen ningún dos seus grandes mestres facía deste un enfrontamento “moito máis equilibrado”, como sinalan desde o club pontevedrés. De feito, tras a derrota de Rubén Fernández na primeira partida en pecharse, outra das novas promesas do EXP-UVigo, Juan Manuel Martínez, devolvía a igualdade ao marcador. Esta mantívose coas táboaas que asinaron dous olímpicos, Daniel Rivera, do EXP-UVigo, que o foi con Uruguai, e a hispano-cubana Yudania Hernández, que o foi con España. Foi entón cando o mestre portugués Andrés Sousa, superando a Alberto Portela, situou aos ourensáns moi preto da vitoria final. Mais, tras este resultado chegou a vitoria do capitán da EXP-UVigo, Pablo García, polo que todo ía decidirse no único taboleiro aínda en xogo, no que se enfrontaban Víctor Miguel e Filipa Piripas. Ambos xa sen tempo nos seus reloxos, medíronse nun “final técnico” que podería terse decantado de ambos lados e no que un erro de Víctor Miguel nese treito final decidiu a contenda a prol do Xadrez Ourense.

Tras esta xornada, o Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Estratexia pola Paz mantense no terceiro posto do seu grupo, con 19 puntos, a sete do líder e a dous do segundo clasificado, o Xadrez Verín. Nese senso, o capitán do equipo universitario recoñece que “xa non dependemos de nós mesmos” para optar ao título autonómico, mais lembra que, nunha “liga moi curta” na que quedaron encadrados no que denomina “o grupo da morte”, o obxectivo era “dende un inicio” garantir a permanencia.

Ademais deste resultado, os equipos da EXP-UVigo sumaron tres vitorias e dúas derrotas nos seus enfrontamentos desta fin de semana. Entre os triunfos, destaca unha nova vitoria en Primeira División do Ramón Escudeiro Tilve, que xa é líder en solitario do seu grupo.