DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrouse no pavillón de deportes universitario

A primeira feira de emprego do campus de Ourense reúne 60 entidades e máis de 200 estudantes

Con participación de empresas e institucións relacionadas coas súas diferentes titulacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Ourense 22/03/2023

Tras celebrarse o pasado 16 de marzo no campus de Vigo, a Feira EmpregoInCampus da Universidade de Vigo chegou este mércores ao campus de Ourense. A cita celebrou a súa primeira edición na cidade das Bugas co obxectivo de converterse na gran cita de referencia anual co emprego universitario. Arredor de 60 entidades, públicas e privadas, relacionadas coas diferentes titulacións que ofrecen as facultades e escolas ourensás buscaron nesta feira captar talento e máis de 200 estudantes inscritos buscaron información e oportunidades para o seu futuro profesional.

A feira estivo organizada pola Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo e a Vicerreitoría do campus de Ourense co apoio das escolas e facultades deste campus e da Deputación de Ourense e é herdeira dos foros de emprego que se viñan organizando en distintos centros, concretamente en Dereito e en Enxeñaría Informática. O seu obxectivo foi brindarlle á comunidade universitaria a ocasión de coñecer de primeira man as oportunidades profesionais que ofrecen entidades de moi diversos sectores públicos e privados e de contactar directamente cas e cos seus responsables de selección.

Pola tarde, foron numerosas as autoridades que asistiron á súa visita institucional, estando, entre outros, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo;  Mª Jesús Lorenzana, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia; César Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Gabriel Alén, delegado da Xunta en Ourense, e Emilio González, subdelegado do Goberno en Ourense. Manuel Reigosa amosou a súa satisfacción pola excelente resposta da comunidade universitaria, desde os equipos directivos dos centros ata o alumnado, a esta actividade. O responsable académico recalcou o compromiso coa empregabilidade do alumnado da UVigo xa que, indicou, “un dos obxectivos que ten calquera universidade é que os seus egresados e egresadas sexan quen de levar adiante unha carreira frutífera, un obxectivo que tamén é de país”. Así, afirmou, “cremos que todo o talento que agrome nas nosas aulas debe servir para que Galicia siga avanzando cara unha sociedade baseada no coñecemento". O campus de Ourense, dixo, "é un bo exemplo de traballo integrado coas empresas, coas institucións e coa sociedade e aspiramos a ser un referente de todo tipo dentro da cidade e da provincia. Actos como os de hoxe axúdannos a dar esa visibilidade e avanzar nese camiño”.

Boa acollida

Natalia Capirrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade da UVigo, destacaba pola súa banda no arranque da feira, que se celebrou de 10.00 a 19.00 horas, que “a idea foi facer unha feira institucional que recollese todos os ámbitos do campus de Ourense, abranguendo desde a aeronáutica e a informática ata a educación, a empresa ou o dereito”. A responsable institucional subliñou “a boa resposta de entidades e empresas, algunhas delas moi potentes, con interese en captar talento universitario, vindo incluso desde fóra de Galicia para coñecer o noso alumnado”. Igualmente puxo en valor a resposta das e dos estudantes, xa que arredor de 200 deles rexistraron os seus curriculums para participar na feira (curriculums que serán trasladados ás empresas), e foi continua a asistencia de máis alumnado ao longo de todo o día.

Do mesmo xeito, Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, indicou na súa visita á feira que “estamos moi contentos porque é a primeira edición e a acollida está sendo moi boa”. A vicerreitora recalcou a colaboración das facultades e escolas do campus de Ourense na organización desta feira e das empresas e institucións presentes, subliñando como na cita estiveron representados todos os ámbitos do campus. Igualmente quixo agradecer a representación institucional presente tanto do Inorde-Deputación de Ourense, da Consellaría de Emprego e Igualdade e do Ministerio de Defensa. “Ao final do que se trata é de que o noso alumnado poida contactar con empresas ou entidades e que teñan máis posibilidades tanto de prácticas como de traballo no futuro, polo que consideramos que a posta en marcha desta feira en Ourense é unha moi boa iniciativa que agardamos que teña éxito e continuidade os vindeiros anos”, indicou.

Do público ao privado

A listaxe de empresas e institucións participantes na feira foi moi amplo. O alumnado puido achegarse a postos de empresas de sectores moi diversos, desde a moda á alimentación, despachos de avogados, consultoras, colexios profesionais e asociacións de diferentes sectores e centros tecnolóxicos. Igualmente puido coñecer as oportunidades laborais en institucións como o Sergas, a Axencia Tributaria e o Instituto da Seguridade Social. Na súa atención ao alumnado, as entidades fixeron fincapé en que aínda que cada institución ou empresa ten un ámbito preferente de actuación, as súas necesidades de persoal non se limitan a el senón que teñen necesidades de diferentes disciplinas. Entre os primeiros estudantes que este mércores se achegaron á feira estiveron Rafael Camiña, Yolanda González e Tatiana Fontarigo, de terceiro curso do Grao de Administración e Dirección de Empresas da Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo. “Estamos a punto de rematar a carreira e queremos ver opcións e coñecer empresas ás que enviar o curriculum”, apuntou Rafael Camiña. Con preferencia por desenvolver a súa traxectoria profesional no sector privado, destacaron a oportunidade que lles ofreceu esta feira de contactar directamente con empresas de moi diferentes sectores.

As persoas interesadas, ademais de visitar os postos das entidades, tiveron a oportunidade de participar nun amplo programa de actividades paralelas, como mesas redondas e conferencias sobre as consecuencias da pandemia e da guerra de Ucraína no sector hoteleiro e agroalimentario; a empregabilidade no ámbito social e socioeducativo; as fortalezas e oportunidades da escola rural e os campos laborais da enxeñaría agrícola. Nelas participaron tanto representantes de entidades públicas e privadas vinculadas a cada unha das áreas de interese. Igualmente, máis dunha ducia de empresas do eido tecnolóxico, moitas das cales habitualmente participaban na feira de emprego anual da Escola Superior de Enxeñaría Informática, contaron cunha zona de entrevistas para o alumnado interesado. Do mesmo xeito, houbo ubicado un posto chamado Pasaporte de Emprego, un espazo específico da Área de Emprego e Emprendemento no que o alumnado podía recibir consellos sobre como mellorar o currículo, como afrontar entrevistas e mesmo poder facerse unha foto profesional para o seu curriculum.