Nunha xornada científica organizada polo proxecto Iberos+ este martes no campus de Vigo
A primeira promoción do Mestrado en Biofabricación presenta traballos sobre biomateriais avanzados, bioimpresión 3D ou tecnoloxías microfluídicas
A titulación está impulsada polas tres universidades galegas
A I Xornada Avances da Biofabricación en Galicia, celebrada este martes no edificio Miralles do campus de Vigo, serviu para coñecer traballos de vangarda desenvolvidos polo alumnado do Máster en Biofabricación, unha titulación interuniversitaria impartida de xeito conxunto pola Universidade de Vigo, a de Santiago de Compostela e a da Coruña da que acaba de saír a primeira promoción.
O encargado de dar a benvida aos asistentes foi o catedrático da Universidade de Vigo Pío González, coordinador do mestrado e investigador responsable do Instituto de Biofabricación en Rede para o Envellecemento Saudable, Iberos+, que destaca que “esta xornada constitúe unha mostra representativa do alto nivel científico e do potencial innovador da I+D que se promove dende as universidades, os centros tecnolóxicos e as empresas de Galicia”.
Tras a súa intervención, arrancou unha xornada centrada na presentación dos traballos fin de mestrado dos oito estudantes que conforman esta primeira promoción ante un tribunal científico encargado de avaliar a calidade das súas investigacións. Os proxectos centráronse en temáticas de vangarda no eido da biofabricación, como os biomateriais avanzados, a bioimpresión 3D, as tecnoloxías microfluídicas e os sistemas organ-on-a-chip. Dende a organización académica do mestrado destacan que a variedade das temáticas dos traballos reflicte, non só a “riqueza do programa formativo, senón tamén a capacidade do alumnado para aplicar coñecementos interdisciplinares aos retos actuais da sociedade”, destacan dende a organización.
Impresión 3D e ferramentas para ensaios en laboratorio
A impresión 3D foi o eixe de varios dos proxectos presentados polos egresados e egresadas do mestrado interuniversitario. Foi o caso de Paula Gil, que se centrou na impresión 3D de andamios que combinan dous biomateriais para crear estruturas capaces de axudar a rexenerar óso danado, favorecendo o crecemento celular e achegando antibióticos para previr infeccións. Pola súa banda, María Freire propón no seu proxecto automatizar o deseño e fabricación de próteses personalizadas empregado modelado computacional e impresión 3D.
Pola súa banda, Abraham Fernández aposta por aplicar a tecnoloxía de impresión 3D á fabricación de andamios bioactivos para rexenerar óso en animais, ofrecendo unha alternativa aos enxertos e próteses tradicionais. Tamén no eido veterinario, Lucas Celaya presentou un traballo no que propón integrar o deseño personalizado de medicamentos con tecnoloxías innovadoras para mellorar a abordaxe terapéutico, concretamente pastillas personalizadas de gabapentina (empregada no tratamento da epilepsia) para cans.
Outra das temáticas centrais da xornada foi o deseño de ferramentas que faciliten os ensaios con fármacos no laboratorio. Marcos Díez propuxo fabricar chips, empregando materiais máis avanzados e resistentes ca os habituais, para mellorar os experimentos con medicamentos e tóxicos. No caso de Rocío Cordeiro, o seu traballo propón crear un chip miniaturizado que imite a barreira hematoencefálica (o filtro natural entre o sangue e o cerebro) para estudar enfermidades neurolóxicas e probar medicamentos, achegándose ao comportamento real do cerebro humano. O traballo de Patricia Hermida segue a mesma liña, co desenvolvemento dun pequeno dispositivo de laboratorio que utiliza imáns e anticorpos para atrapar e illar moléculas importantes de mostras biolóxicas, como sangue, coa idea de facilitar a detección temperá e o seguimento de enfermidades como o cancro. Finalmente, Marta Creo presentou un proxecto que busca contribuír ao desenvolvemento de novas terapias rexenerativas para tratar enfermidades neurodexenerativas, especialmente o párkinson.
Futuro libro blanco sobre biofabricación
O Mestrado en Biofabricación está estreitamente ligado co Instituto de Biofabricación en Rede para o Envellecemento Saudable, Iberos+, un proxecto formado por 17 grupos de investigación de universidades, institutos de investigación, fundacións e catro empresas innovadoras de Galicia e o norte de Portugal. Conta cun orzamento de preto de 2,2 millóns de euros ata 2026, procedente do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal 2021-2027 (POCTEP) –co cofinanciamento de FEDER–. A súa estratexia céntrase na I+D sobre biofabricación para dar resposta aos desafíos sociosanitarios asociados ao envellecemento da poboación na eurorregión Galicia-norte de Portugal e na Unión Europea en xeral.
No marco das iniciativas do Proxecto Iberos+ está a próxima presentación dun libro branco sobre biofabricación no que se analizará a situación actual do sector e estableceranse previsións sobre a súa evolución. O obxectivo desta publicación é achegar datos para orientar a toma de decisións futuras sobre cuestións lexislativas, administrativas ou económicas.
