DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Superou por 4-2 ao Liceo Ourense na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Primeira vitoria como local para a Escola Xadrez Pontevedra-UVigo

Tras este resultado, mantense quinto na División de Honra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 20/03/2023

Despois de dous empates consecutivos, o primeiro equipo da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo sumou fronte ao Liceo Ourense a súa primeira vitoria como local na División de Honra do xadrez galego. Fíxoo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde derrotou por 4-2 ao Liceo Ourense, un resultado que leva ao EXP-UVigo Xadrez: Estratexia pola Paz a manterse unha semana máis no quinto posto da clasificación na máxima competición autonómica, cun total de 13,5 puntos, a 2,5 do líder, o Benchosey de Pereiro de Aguiar.

Tras sumar un empate na casa do Xadrez Ourense, vixente campión autonómico, o equipo universitario enfrontaba esta cuarta xornada como unha oportunidade para non perder o tren dos primeiros clasificados. Finalmente logrou catro puntos, pese a que o encontro non comezou ben para os locais, xa que Rubén Fernández pagou coa derrota un erro de cálculo ante o subcampión de España na categoría de veteranos, Marcos Lorenzo. Non obstante, pasadas as tres horas de enfrontamento comezaron a chegar os triunfos locais, da man de Daniel Rivera e de David García, que ata o de agora suma por vitorias todas as súas partidas. A continuación, Alberto Portela foi capaz de rescatar un empate nun difícil enfrontamento contra o mestre Fide David Baltar e, chegando á quinta hora, o capitán Pablo García lograba unha nova vitoria para os pontevedreses nun final técnico. A estes resultados engadíronse ás táboas de Rodrigo González, que permitiron á EXP-UVigo sumar catro novos puntos antes de visitar, a vindeira fin de semana, ao Círculo Ferrolán de Xadrez.

No conxunto de categorías, a cuarta rolda de competición na Liga Galega deixou un balance de catro vitorias, dous empates e unha derrota para os equipos da EXP-UVigo. En Primeira División, o EXP-Ramón Escudeiro Tilve derrotou ao Xadrez Pousada de Boiro (3,5-1,5), mentres en terceira, tanto o EXP-Concello de Pontevedra como o EXP-Zona Informática lograron un triunfo por 4-0 fronte a Xadrez Marín D e Xadrez Albariño, respectivamente. Non tivo tanta sorte o representante do club na segunda categoría, o EXP-Non á violencia de xénero, que encaixou fronte ao Marín B a súa terceira derrota da tempada e continúa en postos de descenso.