DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Centrado no xestor de contidos web WordPress, desenvolverase os días 22 e 23 de setembro

A primeira WordCamp de Galicia reunirá preto de 200 persoas en CCSS e da Comunicación

A comunidade universitaria dispón de 40 abonos con prezo reducido

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • TIC
DUVI Pontevedra 11/09/2018

O sistema de código aberto co que se xestionan o 30% das páxinas web de todo o mundo, WordPress, reunirá os días 22 e 23 de setembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación preto de 200 asistentes procedentes de diferentes puntos de España, segundo as previsións dos organizadores da WordCamp Pontevedra 2018, o primeiro evento oficial de WordPress que se desenvolve en Galicia. Organizado por voluntarios da comunidade WordPress Pontevedra co apoio da organización internacional WordPress Foundation, o campus acolle un evento que reúne no seu programa preto de 20 relatorios trala sinatura, no mes de xullo, dun convenio entre a Universidade de Vigo e a WordPress Foundation, grazas ao que se reservan 40 abonos ao prezo reducido de 10 euros ás e aos integrantes da comunidade universitaria.

“Que se organicen este tipo de eventos é interesante para a facultade non só pola proxección, senón tamén porque nos achegan a un sector profesional moi concreto que no ámbito da comunicación é fundamental”, sinala o profesor da Facultade de CCSS e da Comunicación e experto en WordPress Xabier Martínez Rolán dunhas xornadas que contribúen “a posicionar á facultade no eido dixital e das novas tecnoloxías” e que coinciden ademais coa posta en marcha no centro do mestrado en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais. “WordPress ten moitas vantaxes, en primeiro lugar, que a curva de aprendizaxe é moito máis sinxela que noutras plataformas e despois que ten unha comunidade de desenvolvedores enorme, polo que con WordPress pode facerse absolutamente de todo, calquera cousa que se che ocorra para unha web, hai un complemento para poder facelo”, salienta Rolán.

Relatorios para todos os niveis

“As xornadas contarán coa participación de grandes profesionais e líderes de WordPress que, a través dos seus relatorios, compartirán os seus coñecementos sobre desenvolvemento, programación e deseño”, sinala a organización, mas preto de 20 conferencias que, en dúas quendas paralelas, se desenvolverán o sábado 22, no marco dun evento que, engaden, non se centra en exclusiva en “contidos sobre desenvolvemento e programación, senón que calquera tema relacionado con WordPress a calquera nivel é benvido: blogs, negocios, accesibilidade, redes sociais, tendas online...”. De feito, o programa combina coloquios de iniciación como outros de nivel medio e avanzado, de tal xeito que “nas sesións atoparán cabida todo tipo de usuarios, desde os máis profesionais ata os que se acaban de introducir no mundo deste xestor de contidos web”. A mellora do posicionamento en buscadores, como a tipografía pode aumentar as vendas dunha tenda online, “ideas para podcast disruptivos, claves para fidelizar clientes, seguridade en WordPress ou atención ao cliente e comercio electrónico serán algúns dos temas a abordar por un panel de conferenciantes entre o que se atopan expertos como Fernando Tellado, autor do blog en castelán sobre este xestor de contidos con maior número de visitas

Un encontro dentro do Pont-Up Store como adianto

Tralas conferencias do sábado, a WordCamp continúa o domingo co “día do contribuídor”, no que as persoas asistentes “aprenderán a colaborar co proxecto WordPress mediante traducións, soporte, desenvolvemento...”, pero esta WordCamp terá como adianto a meetup que, no marco da programación do encontro de emprendemento Pont-Up Store, terá lugar o venres 20 ás 18.30 horas na Facultade de Belas Artes. Emprende con WordPress é o título dun evento no que tres conferenciantes abordarán como empregar esta ferramenta “para crecer profesionalmente” a partires das súas propias experiencias. 

Segundo destaca a organización do evento, as WordCamp son eventos sen ánimo de lucro que se sufragan a través de diferentes patrocinadores, e que neste caso ten unha entrada de 25 euros, que inclúe tanto a asistencia aos coloquios e talleres, como a "cafés-networking" e o xantar de sábado e domingo, prezo que se reduce a 10 euros no caso do alumnado, profesorado e persoal da Universidade de Vigo.