DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nel fíxose balance da matrícula e das medidas de prevención fronte a covid-19

O primeiro Consello de Campus deste curso aborda os retos de futuro para Ourense

O reitor destacou aspectos como as oportunidades que ofrecen os programas conxuntos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 08/10/2020

Pasadas as primeiras semanas desde o inicio do curso 2020/2021, este xoves o Consello de Campus de Ourense celebrou a súa primeira sesión ordinaria deste ano académico. Fíxoo facendo balance do seu estado actual, no que se destacou as boas cifras de matrícula e as medidas de prevención fronte a covid-19, e achegándose aos principais retos a curto, medio e longo prazo que afronta o campus ourensán, apuntando aspectos as oportunidades que ofrecen os programas conxuntos. A sesión, que se desenvolveu de xeito virtual debido á situación sanitaria, estivo presidida por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e contou coa participación de Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; José Luis Míguez, vicerreitor de Planificación e Sostenibilidade, e Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria.  

Das titulacións ao profesorado

O reitor arrancou a súa intervención ofrecendo unha panorámica de “como se ve o campus de Ourense” no contexto do Sistema Universitario Galego. Manuel Reigosa apuntou como na súa opinión a situación deste campus “é saudable, con moitos puntos fortes e poucos puntos fracos”, sinalando como “hai moitas cousas das que presumir, algunhas delas moi ben asentadas e outras que aínda teñen que mellorar a longo prazo”. Neste senso, lembrou “os datos excepcionais de matrícula de novo ingreso” que tiveron os tres campus da UVigo este curso académico e indicou como este éxito é “froito do esforzo de todos”. Sobre as titulacións, o responsable académico comentou como “neste momento, o campus de Ourense ten unha oferta atractiva e razoable, que está chamando a moitísimos alumnos” e salientou o compromiso por acadar que “o campus sexa sostible desde o punto de vista económico e desde o punto de vista do recoñecemento social”.  

Durante o seu informe ante os membros do Consello de Campus, Manuel Reigosa comentou unha serie de “retos urxentes e a medio e longo prazo” que na súa opinión debe afrontar o campus ourensán. O primeiro deles, indicou, é a posta en marcha do novo grao interuniversitario en Relacións Internacionais, do que indicou que a súa tramitación “vai ben”. “Estamos a facer unha aposta por unha titulación de calidade que agardo que no futuro, cando leve un par de anos funcionando, nos poida servir para pór en marcha novos PCEO (programas conxuntos de ensinanzas oficiais)”, apuntou o reitor, sinalando como este grao “pode mesturar moi ben con Historia, con ADE, con Turismo ou con Dereito”. Así, o reitor fixo fincapé no reto que para os centros e para o conxunto da Universidade supón a organización de novos programas conxuntos. Estes programas, subliñou, “están captando estudantes coas mellores notas e son un elemento tractor” e apostou por seguir potenciándoos nos diferentes ámbitos, desde o educativo e científico ata o tecnolóxico e xurídico-social.

Tamén avogou o reitor por retomar no campus de Ourense a posibilidade de pór en marcha un grao aberto en tecnoloxías, sinalando como “hai que volver a pór en riba da mesa este tema pero en clave de campus”. Reigosa falou igualmente do futuro mapa de titulacións, sinalando como “temos fortalezas dentro do campus para apuntalalo con titulacións novas que establezan sinerxías coas titulacións existentes”, e da necesidade de mellorar a captación de alumnado nos graos con dificultades. A acreditación do Campus da Auga e a reordenación de espazos a medio e longo prazo foron outros dos retos abordados polo reitor durante a súa intervención, lembrando como a aposta é crear un novo edificio para o Grao de Aeroespacial, crear a planta piloto, reagrupar o CACTI no campus e buscar novos espazos para Relacións Internacionais. Por último, tamén salientou a necesidade de que os centros con máis profesorado asociado realicen un esforzo para apostar por novo profesorado permanente.

Datos de matrícula

Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, foi a encargada de expor ante os membros do Consello de Campus as cifras de matrícula do campus de Ourense de novo ingreso, tendo en conta que aínda falta por incorporar ao alumnado que realizou as probas de acceso en setembro. Salientando como os datos son “moi bos”, indicou como no campus de Ourense se ofertaron neste curso 2020/2021 923 prazas de novo ingreso en grao, cubríndose 986 e acadando unha taxa de ocupación do 107%. No caso dos mestrados, Natalia Caparrini lembrou como no campus de Ourense se ofertaron 342 prazas, cando se está aínda no segundo prazo de matrícula, acadando un 77% por cento de ocupación, cifra superior á do pasado curso académico, que foi do 71%. A vicerreitora tamén falou na súa intervención da reformulación das actividades das áreas de captación de alumnado, emprego e emprendemento e extensión universitaria que se tivo que facer tendo en conta o impacto da pandemia e as actividades sobre as que se está traballando para este curso académico.   

Prevención fronte á covid-19

José Luis Míguez, vicerreitor de Planificación e Sostenibilidade explicou pola súa banda as principais iniciativas postas en marcha pola UVigo para afrontar a loita contra a covid-19 e arrancar o curso académico “preparados do mellor xeito posible”. Así, expuxo os datos dos test masivos PCR sobre saliva realizados recentemente pola institución académica ao seu persoal. Das 2910 persoas que podían realizar este test na UVigo, indicou, 578 pertencen ao campus de Ourense, entregando finalmente as súas mostras arredor dun 76,3% delas, 440. No caso da etiquetas QR de identificación instaladas, apuntou como no campus de Ourense se colocaron en 191 aulas 13.984  adhesivos. Durante  a súa intervención, José Luis Míguez abordou tamén a implantación do Campus Integra e entre outros datos explicou como no conxunto da UVigo se prepararon con anteparos 71 aulas informáticas, con aproximadamente 1700 postos, estando 31 desas aulas ubicadas nos centros ourensáns. Outras das medidas realizadas, indicou, foi a habilitación de novos espazos, como foi no edificio do Campus da Auga dunha aula docente na sala multiusos. Xa fóra do ámbito da prevención fronte á covid-19, o vicerreitor tamén se referiu aos proxectos de eficiencia enerxética previstos no eido da iluminación LED, xeotermia e climatización en diversos edificios do campus.

Recoñecementos

Pola súa banda, Esther de Blas quixo facer na súa intervención un recoñecemento “ao traballo de todo o persoal do campus que fixo posible este inicio de curso académico condicionado pola pandemia. Sei que foi un esforzo ímprobo todos estes meses pero creo que chegamos e chegamos en condicións”. A vicerreitora tamén tivo palabras de agradecemento para Mar García, que foi recentemente relevada por Xosé Manuel Cid á fronte da Facultade de Educación e Traballo Social, e de felicitación aos centros “polos bos resultados de matrícula alcanzados en grao e mestrado”. Igualmente salientou os bos resultados conseguidos polo Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo no ránking dos mellores posgraos do mundo que fai SportBusiness e a Medalla de Investigación da RAGC acadada por Jesús Simal. Ademais de lembrar as melloras previstas en canto a eficiencia enerxética para os vindeiros meses, Esther de Blas destacou sobre o arranque do curso académico a reactivación da actividade cultural no campus, coa apertura de novo da Sala Alterarte, o inicio dos ensaios do coro coa súa nova directora á fronte e a oferta de cursos de extensión universitaria que se comezará a impartir proximamente en modalidade  presencial, virtual ou mixta.