Alberto Pena afirma que "foi quen puxo en funcionamiento o centro"
O primeiro decano de Ciencias Sociais e da Comunicación, Manuel Fernández Areal, recibirá a insignia de ouro da facultade
José Luís Méndez Romeu, Uxío Fernández e Pepe Domingo Castaño serán bolseiros de honra
O que fora primeiro decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, o catedrático emérito Manuel Fernández Areal, será distinguido coa insignia de ouro do centro polas “contribucións que fixo para que esta institución acadara o prestixio co que conta hoxe en día”, segundo afirma o actual decano, Alberto Pena Rodríguez. A estas verbas engade que “merece recibir esta distinción xa que é como unha representación da historia desta facultade, foi quen a puxo en funcionamento e quen a logrou levantar”. No acto de graduación das tres promocións de licenciados e diplomados que acolle o centro, será cando o xa veterano profesor da Universidade reciba esta homenaxe acompañado por docentes e alumnos do campus, coincidindo coa celebración oficial da súa patroa, Santa Catarina de Siena, o vindeiro 28 de abril.
Ademais da insignia de ouro, cada ano outórgase a distinción de bolseiro de honra a tres personaxes que, polo seu desempeño profesional, son relevantes para cada unha das titulacións que se imparten na facultade. Este curso recibirán este recoñecemento o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, coma bolseiro de honra da VI promoción de diplomados en Administración e Xestión Pública; o director da revista Imagen y Comunicación, Uxío Fernández Fernández, como padriño da X promoción de licenciados en Publicidade e Relacións Públicas e o xornalista da Cadena Ser, Pepe Domingo Castaño que, como representante da III promoción de licenciados en Comunicación Audiovisual, será o encargado de dar o discurso ante os estudantes recentemente graduados.
Recoñecemento a toda unha traxectoria vinculada ao centro
A insignia de ouro é o maior recoñecemento que a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación pode outorgar a alguén, como unha homenaxe a toda unha traxectoria profesional vinculada ao centro. En anos anteriores, recibiron esta distinción personaxes como a presidenta da Fundación Padeia, Rosalía Mera ou o empresario e creador Isaac Díaz Pardo. Pola súa banda, o xornalista Manuel Fernández Areal recibirá nesta ocasión a condecoración como premio a unha ampla dedicación tanto laboral como persoal ao centro que acolle as titulacións do eido da comunicación e da xestión pública.Entre outras moitas facetas cabe destacar que Fernández Areal comezou a súa formación na Universidade de Santiago de Compostela, onde iniciaría a carreira de dereito e sería galardoado co premio extraordiario da licenciatura. Anos máis tarde, cursou estudos en Xornalismo na Escola Oficial de Madrid cando aínda non existían as titulacións en comunicación e, xa no 1958, contrataríano coma director do Diario Regional de Valladolid. Areal foi ocupando importantes postos ao longo da súa vida, como a dirección de Mundo Internacional en Barcelona ou, máis adiante, como director do Segre de Lleida. O ensino sempre ocupou un destacado lugar na traxectoria profesional de Fernández Areal, profesor da primeira promoción de Xornalismo da Universidade de Navarra e primeiro decano da Facultade de Xornalismo da Universidade de La Laguna. Premiado en numerosas ocasións, actualmente continúa a súa función periodística cunha columna no diario El Correo Gallego e coma membro da Federación de Asociacións de Periodistas de España ademais de ser docente emérito na Universidade de Vigo.