DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O I Foro de Emprego reúne a participación de preto de 30 expositores e múltiples actividades

As principais firmas españolas de servizos profesionais captan en Vigo talento económico-empresarial e xurídico

Reitor, decano e concelleiro de Facenda coinciden en salientar a importancia deste tipo de eventos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Emprender
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 27/02/2019

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais transformouse este mércores nun auténtico recinto feiral no que se deron cita algunhas das principais firmas españolas de servizos profesionais (Garrigues, Nueva Pescanova, Deloitte, Abanca, Grupo Iberconsa...) e un gran número de alumnos e alumnas desexosos de amosar o seu talento a quen, en breve, serán os seus empregadores/as. Falamos do I Foro de Emprego, unha cita que nace cun dobre obxectivo: “achegar as empresas e despachos profesionais ao alumnado e ofrecerlle a estas firmas a posibilidade de que se dean a coñecer e de captar talento”, tal e como recalcou o decano da facultade, Jorge Falagán, na inauguración do encontro, momento no que estivo acompañado polo reitor, Manuel Reigosa; o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros e o alumnado que forma parte do equipo de voluntariado do foro, un grupo de máis de vinte estudantes “que colaboraron con nós para que todo isto sexa un éxito e que nos axudan a garantir a súa continuidade futura”.

“Unha boa universidade é aquela que ten bos profesores e estudantes talentosos, iso témolo, pero seguimos tendo puntos febles que penso que vale a pena ilos superando, facendo cada vez máis forza na dinamización do espazo socioeconómico, indo sempre da man da empresa e da industria”, salientou na súa intervención o reitor, que fixo fincapé na importancia deste tipo de eventos nos que se poñen en contacto as empresas e o alumnado, un aspecto no que tamén fixo fincapé o concelleiro de Facenda, quen lles recalcou que “o voso éxito será tamén o noso éxito”.

Presenza de seis das sete primeiras firmas de servizos profesionais

Nesta primeira edición do foro, que se prolongará ao longo de todo o día de hoxe mércores e mañá xoves, participan un total de 27 expositores, ademais de outras tres firmas que se uniron ás diferentes actividades organizadas arredor deste evento e que inclúen tanto presentacións das firmas participantes como múltiples talleres sobre competencias dixitais, busca de emprego, entrevistas de traballo, marca persoal, protocolo empresarial ou habilidades para a excelencia. “Hai que destacar que conseguimos a participación de seis das sete primeiras firmas de servizos profesionais de España”, salientou o decano do centro, que fixo tamén fincapé na presenza de tres das denominadas Big Four, termo inglés empregado para referirse ás firmas máis importantes do mundo no sector da consultaría e a auditoría. 

Entre os feitos máis singulares desta primeira edición da feira destaca a participación dunha firma inglesa que ofrece traballos no Reino Unido e da propia Axencia Tributaria. Este notable respaldo empresarial e institucional co que xurde o encontro foi xustificado polo decano lembrando que os titulados/as en Administración e Dirección de Empresas e Economía están entre os máis demandados polo mercado laboral, ao que engadiu o feito de que a creación do dobre grao ADE-Dereito xerou moita expectación entre as firmas da contorna viguesa. “A miña experiencia persoal como coordinador deste dobre grao e como membro da Fundación Mentor levoume ao convencemento de que o sector empresarial está desexando achegarse e colaborar activamente coa Universidade de Vigo”, recalcou Falagán.

Complemento necesario para o Foro Tecnolóxico e a FINDE.U

Con horario de 09.00 a 19.00 horas,  o foro non se circunscribe en exclusiva ao alumnado da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, senón que está aberto a todas as alumnas e alumnos da Universidade de Vigo que poidan ter interese, xa que algunhas das firmas buscan  perfís máis aló do ámbito económico-empresarial ou xurídico. Neste sentido, o decano fixo fincapé en que esta actividade é complementaria ao Foro Tecnolóxico de Emprego, organizado polas delegacións de alumnado das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo, e da FINDE.U, Feira Internacional Virtual de Emprego, co-organizada pola Universidade de Vigo, a de Porto e a de Tras Os Montes e Alto Douro. “Hai que recoñecer o gran labor que realizan ambos eventos pero pensamos que facía falta un evento específico centrado nos ámbitos económico-empresarial e xurídico”, salientou Falagán.

Aida Cabaleiro e Jesús Iglesias son dous dos estudantes do centro que forman parte do equipo de voluntariado do foro.  Estudantes ambos de 4º curso do Grao en Economía, salientan que este tipo de eventos son “a mellor forma de conectar a xente nova coas empresas” e “o xeito máis doado de entregar currículos e conseguir prácticas”. Os dous elixiron para achegarse en primeiro lugar o stand de Abanca “ e a sensación foi moi boa, explícanche todo con moitísimo detalle”.