Trátase dun requisito previo á admisión no grao
As probas para o acceso a Ciencias da Actividade Física e do Deporte reúnen máis de 130 estudantes
Chegados de diferentes puntos de Galicia, 136 mozos e mozas enfrontáronse este martes no campus pontevedrés ás probas de aptitude para o acceso ao Grao en Ciencias da Actividade Fisica e do Deporte. Dirixidas a garantir que o futuro alumnado desta titulación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte conte cunhas condicións físicas axeitadas para o correcto desenvolvemento das competencias propias do grao, trátase dun requisito previo que as e os aspirantes deben superar antes de solicitar a súa admisión nesta titulación, que seguirá o procedemento fixado pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) para o acceso a estudos oficiais de grao.
Destes 136 estudantes, 118 obtiveron a cualificación de aptos e aptas, preto do 87% do total e serán finalmente o seu expediente académico e as cualificacións na ABAU as que determinen se accederán o vindeiro curso ao grao.
Coordinadas pola profesora Águeda Gutiérrez, estas probas arrancaron na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (GCTD), onde se desenvolveu a primeira delas, a de adaptación ao medio acuático, requisito obrigatorio para obter a cualificación de apto ou apta. Superada esta, as e os aspirantes trasladáronse á facultade, onde debían acadar as marcas fixadas no regulamento en cinco dos seis restantes exercicios. Concretamente, tratábase de probas de forza explosiva dos membros superiores, axilidade con obstáculos, mobilidade articular, forza explosiva dos membros inferiores, habilidade ximnástica e resistencia aeróbica.
Con 161 inscritos e inscritas, 124 homes e 37 mulleres, tanto aqueles e aquelas que non lograron superalas como os que non puideron acudir nesta xornada disporán dunha segunda oportunidade para realizalas o 18 de xuño. As cualificacións obtidas, como recolle a convocatoria, teñen unha validez de dous anos e para o acceso ao grao son tamén válidas as probas superadas noutra universidade española. Da súa realización están exentas e exentos as persoas acreditadas como deportistas de alto nivel ou alto rendemento polo Consejo Superior de Deportes ou o organismo competente da súa comunidade autónoma.