Tiveron lugar na xornada deste xoves e presentáronse 175 mozos e mozas
As probas para o acceso a Ciencias da Actividade Física e do Deporte rexistran a participación máis elevada da última década
Trátase dun requisito previo ao proceso de admisión no grao
Co obxectivo de que o futuro alumnado presente unhas condicións físicas axeitadas para un correcto aproveitamento da titulación, o acceso ao Grao de Ciencias da Actividade Física e do Deporte ten como requisito previo a superación dunhas probas de aptitude, que este xoves reuniron 175 estudantes na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Trátase da cifra de participación nestas probas máis elevada da última década, tendo en conta que, a raíz da pandemia da covid-19, non puideron levarse a cabo entre 2020 e 2022.
Coordinadas pola profesora Águeda Gutiérrez, as e os aspirantes a converterse en estudantes da facultade iniciaron estas probas, divididos en oito grupos, na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). Alí debían superar a proba de adaptación ao medio acuático, de carácter obrigatorio, para logo, xa na facultade, acadar as marcas fixadas no regulamento en cinco dos seis exercicios restantes. Tratábase, concretamente, de probas de forza explosiva dos membros superiores, axilidade con obstáculos, mobilidade articular, forza explosiva dos membros inferiores, habilidade ximnástica e resistencia aeróbica.
O 84% das e dos estudantes que realizaron as probas este xoves, un total de 147, obtiveron a cualificación de aptos ou aptas, que ten unha validez de dous anos e que constitúe un requisito previo co que deben contar á hora de solicitar praza nesta titulación, segundo o procedemento establecido pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) para o acceso a estudos oficiais de grao. Para este, será tamén válido ter superado estas probas noutra universidade española.
En total, estaban matriculadas nestas probas 219 persoas, 55 mulleres e 164 homes.Tanto os 44 inscritos e inscritas que non acudiron a realizar as probas nesta xornada como os 28 que non lograron as marcas requiridas disporán dunha segunda oportunidade para superalas o 10 de xuño.