DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No campus de Ourense examináronse 965 alumnos

As probas de Hª da Arte, Bioloxía, Química e Debuxo poñen punto e final á selectividade

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Marta Casanova DUVI 20/06/2008

O pesadelo no que para moitos estudantes se converteron estes últimos días por culpa da temida selectividade, rematou por fin coas probas de Historia da Arte, Bioloxía, Química e Debuxo Artístico, segundo a modalidade de bacharelato que cursara cada un. Aínda que algúns dos 965 alumnos que se examinaron no campus de Ourense xa fixeran onte os derradeiros exames, os que acudiron á ultima xornada das PAAU amosábanse máis tranquilos e cansos que nos días anteriores pero, sobre todo, con moitas ganas de rematar e celebrar por todo o alto que o mal trago xa pasou e que, para ben ou para mal, a sorte está botada.
“Hoxe xa non tiñamos nervios pero o primeiro día pasámolo fatal, polo menos durante a primeira proba” comentaba Nuria Adán, estudante do Colexio Carmelitas. “De todos os xeitos, os exames foron bastante fáciles, sobre todo os do noso bacharelato, porque ao ser de ciencias, os das linguas custáronnos un pouco máis” apuntaba a súa compañeira Samantha González. Ambas amosáronse confiadas en acadar unha nota alta, a que necesitan para entrar en Medicina e Fisioterapia, respectivamente. “Agardamos non ter problemas porque as cualificacións que máis contan son as das materias propias de modalidade, que son as que mellor nos saíron” coincidiron as dúas.
Confiados tamén se amosaban un grupo de alumnos do Colexio Maristas, mentres comentaban as respostas do exame de Bioloxía. “A pregunta obrigatoria era moi fácil, as partes da mitocondria” explicaban María Taboada e María Doallo, “e como despois había varias para escoller, sempre podías facer algunha perfecta” dicían aliviadas. Menos optimistas cos resultados, Patricia e Sabela Álvarez, do IES Otero Pedrayo, comentaban que as probas foron máis difíciles do que agardaban. “Todo o mundo di que é moi fácil pero non o é tanto. No exame de lingua puxeron as dúas partes do mesmo tema e a traducción de grego era complicada” queixáronse apuntando que tal vez foran demasiado confiadas e non estudaran o suficiente. Iso si, o exame de Historia da Arte “estivo tirado, na mesma parte entraron Goya e Roma, que estaba claro que ían caer, o que non contabamos era que na mesma opción” explicaban satisfeitas estas mozas que aínda non saben o que van facer o curso que vén. “Polo de agora, celebrar que rematamos e esperar as notas” concluíron.

As agardadas notas

Unha vez superada a tensión previa ás probas, os estudantes aínda seguirán a convivir cos nervios uns días máis, ata coñecer as súas cualificacións. A agardada data será o 30 de xuño, cando, a partir das 16.00 horas, os interesados poderán acceder vía internet ás notas na páxina da CiUG. Ao día seguinte, 1 de xullo, aparecerá o listado provisional de aptos para o acceso á universidade na prensa, e asemade, comezará o prazo para que os que non estean de acordo coa puntuación obtida presenten as súas reclamacións ou pidan a dobre corrección dos seus exames. O día 7 publicaranse en internet as cualificacións das PAAU trala resolución das reclamacións, e os que aínda non estean conformes poderán volver reclamar antes do día 10. As notas definitivas difundiranse o día 11 de xullo, pero os alumnos terán que agardar ata setembro para formalizar a matrícula na carreira escollida.