DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aínda así, o equipo da Universidade de Vigo valora a experiencia como moi positiva

Problemas co hardware relegaron o equipo AutoCAR ao quinto posto do Autonomous Driving Challenge

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Estudantes
Mª del Camen Echevarría DUVI 26/11/2018

Cun quinto posto rematou a participación do equipo AutoCAR da Universidade de Vigo no Autonomous Driving Challenge, celebrado a pasada fin de semana en Madrid e no que o grupo formado por un egresado e catro estudantes da Escola de Enxeñería Industrial mediu as capacidades do seu vehículo autónomo aos de outras seis universidades españolas. “O resultado da proba non foi moi bo debido a problemas de hardware no vehículo. Descoñecemos a razón dos fallos, pero cremos que pode ser debido ao transporte en furgoneta desde Vigo”, explica Alejandro Fernández, coordinador do equipo, que lamenta que o primeiro día de competición o seu vehículo fose cambiado por outro diferente ao que eles desenvolveran, o que os obrigou a pasar a xornada adaptando os seus programas.

Doutra banda, a deficiente iluminación do espazo, “pois non era uniforme en todo o percorrido do circuíto, o que nos obrigou a tratar de arranxar este problema sen éxito, modificando o algoritmo de visión artificial para as adversas condicións do lugar”, así como o mal posicionamento dos códigos Artag empregados para a identificación dos sinais na estrada, dificultaron a consecución dun bo resultado. “Destes feitos queixámonos todos os participantes e espero que sirva como feedback para sucesivas edicións do torneo”, sinala o coordinador do equipo, integrado por Yasmina González, Jesús Iglesias, Carlos Lago e Raúl Riera.

Unha experiencia moi positiva e enriquecedora

A pesares do resultado acadado na proba promovida por SEAT e na que a Universidad Politécnica de Madrid alzouse coa vitoria, o equipo vigués fai unha valoración positiva da súa participación. “A nosa quinta posición foi recibida de maneira un tanto amarga, debido aos problemas co vehículo que tivemos durante os tres días da competición, aínda que non nos preocupa demasiado, xa que conseguimos aprender moito e levamos unha experiencia moi positiva e enriquecedora para todos, ademais das posibles colaboracións en proxectos con compañeiros doutras universidades”, sinala o coordinador do equipo AutoCAR.

Para Alejandro Fernández a vitoria do equipo da Universidade Politécnica de Madrid é moi merecida, “pola súa capacidade de adaptarse ás condicións adversas do circuíto”, un equipo co que compartiron experiencias e do que aprenderon moito “sobre o seu método de procesado de imaxe”. Así mesmo, no caso do equipo da Rovira i Virgili, que acadou o terceiro posto na competición, os representantes da Universidade de Vigo aseguran que “tamén fixemos moi boas migas e non descartamos volver a atoparnos en futuros concursos de robótica ou mesmo compartir algún proxecto”, explica o coordinador de AutoCAR.