DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jesús Gago, do Instituto Español de Oceanografía, falou sobre este tema no campus

A problemática do lixo no mar, desde un punto de vista científico

Na súa intervención fixo fincapé no impacto do plástico na vida mariña

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 27/11/2019

Os datos que se manexan a nivel mundial falan dun volume anual de dez millóns de toneladas de lixo mariño que teñen un impacto directo e indirecto moi relevante na vida dos mares e océanos. Para falar desta problemática, a Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este mércores unha conferencia de Jesús Gago, científico do Instituto Español de Oceanografía en Vigo e doutor en Ciencias do Mar.

A súa intervención, organizada polo grupo Ephyslab (Environmental Physics Laboratory), contou coa asistencia de alumnado e persoal investigador do centro. Nela, o experto falou da problemática do lixo mariño, dos estudos que se están facendo en relación con ela e dalgúns aspectos de futuro relevantes desde o punto de vista da investigación. O lixo mariño, recalcou o investigador, ten adquirido unhas dimensións que conlevan que “ten un impacto directo no medio mariño”. Isto, recalcou, “está pasando a nivel mundial e acaba afectándonos”. Así, Jesús Gago fixo fincapé en como “o que afecta aos océanos e aos organismos a nivel global vai acabar afectándonos a nós dalgún xeito. Aínda que a nosa situación estea relativamente ben nalgúns aspectos non quere dicir que sexa óptima”.

Buscando solucións

No caso concreto de Galicia, apuntou o científico, a chegada do lixo mariño vese favorecida polo afloramento costeiro, que “limpa as costas”. Porén, ese afloramento provoca á súa vez “unha gran produtividade” que se traduce nunha elevada explotación das rías, o que ten un impacto directo na vida mariña. A este contexto, engadiu elementos como o intenso tráfico mariño, lembrando como periodicamente se viven episodios como o do buque embarrancado estes días en Ares ou como afectan os vertidos que fan os barcos que incumplen a lexislación. Jesús Gago tamén se referiu á situación que viven mares como o Menor ou Mediterráneo. Sobre o primeiro deles apuntou como o causante principal da súa situación non foi o lixo mariño senón a contaminación provocada por produtos como nutrientes ou fertilizantes. Sobre o segundo abordou temas como o impacto das redes de pesca abandonadas, lembrando como na actualidade “practicamente todos os organismos no Mediterráneo teñen microplásticos no estómago”.

Neste contexto, o científico presentou ao público asistente estudos que están a realizar desde Instituto Español de Oceanografía sobre a presenza de microplásticos en auga, en sedimentos e en organismos mariños, como mexillóns ou peixe. Tamén falou de estudos que están a realizar sobre a distribución de lixo mariño en fondos mariños e de distribución en superficie mariña, o que se coñece como lixo flotante. A ciencia e a investigación, indicou, poden contribuír a avanzar na busca de solucións a esta problemática dun xeito moi diverso, desde propoñendo novos materiais e eliminando outros non necesarios ata mellorando a xestión de residuos e deseñando unha lexislación máis estrita, máis orientada ao medio.