O reitor da UVigo explicou o estado da súa licitación no Consello de Campus de Ourense
O procedemento para construír o novo edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo avanza “a bo ritmo”
Con esta sesión o campus retomou a súa actividade institucional tras o apagamento deste luns
Ao igual que no conxunto da Universidade de Vigo, aínda que non houbo actividade docente, no campus de Ourense desenvolveuse esta maña con normalidade a actividade administrativa, institucional e investigadora. Así, o Edificio de Ferro acolleu a celebración dunha nova sesión ordinaria do Consello de Campus. Nela, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, explicou aos representantes dos diferentes colectivos universitarios as novidades en diferentes eidos de actuación, entre eles os avances para a próxima construción do edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. O reitor destacou que o procedemento da súa licitación “vai moi ben, a bo ritmo”, indicando que son cinco as empresas que se presentaron.
Coa vista posta no novo edificio
Concretamente, a licitación para a construción deste edificio publicouse o 13 de marzo, pechouse o prazo para a presentación de propostas o 11 de abril e actualmente estase na fase da súa avaliación. As empresas que se presentaron foron Citanias Obras y Servicios SLU; Obras y Servicios Gómez Crespo SL; Obrascon Huarte Lain SA; Oreco Balgón SA e Vilor Infraestruturas SL. O importe do contrato ascende a 10.043.000,01 euros, incluíndo impostos, sendo o valor estimado do contrato e o importe sen impostos de 9.130.000,01 euros, financiados pola Universidade de Vigo e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia. Manuel Reigosa indicou que “estamos pondo todo o noso empeño para que se faga en prazo todo o proceso da licitación” e “contamos con que dentro deste ano 2025 poidamos xustificar 3,5 millóns de euros da construción do edificio, en parte con acopios pero en parte xa con actuacións no campus”.
O edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo construirase na parcela edificable situada na entrada do coñecido como campus sur do campus de Ourense, ao carón da Escola Infantil Concepción Saiz Otero. A licitación en trámite é para converter en realidade o deseño gañador do certame de ideas para o edificio que fixo a UVigo. O concurso foi gañado por Javier e Carlos Rodríguez Alcoba, de García Rodríguez Alcoba Oficina de Arquitectura, cunha proposta bautizada como O Camaleón. Tras gañar o concurso de ideas, a este estudo correspondeulle a redacción do proxecto básico, do proxecto de execución e da dirección da obra. O novo edificio, duns 6364,88 metros cadrados construídos, contará con dez laboratorios docentes e oito laboratorios de investigación; catro aulas para 50 persoas, dúas aulas para 70 e outras dúas para 100 persoas; 35 despachos e unha zona de dirección. Ademais, contempla seis seminarios, unha nave taller e un espazo de reserva para posibles futuras necesidades. A posta en marcha desta nova infraestrutura permitirá liberar espazos que noutros edificios se dedican actualmente a Aeroespacial e levar a cabo un reordenamento de usos do campus.
Enfermaría e apagamento eléctrico
No seu informe, o reitor falou ante o Consello de Campus de diferentes temas de interese, como os abordados no último Consello de Goberno da Universidade de Vigo. Entre eles, lembrou os bos resultados económicos acadados o pasado ano pola institución académica e a previsión de que o orzamento aprobado para este 2025 permitirá acadar unhas contas semellantes. Entre outros moitos aspectos, Manuel Reigosa tamén informou dos avances para a posta en marcha da Facultade de Enfermaría. Neste senso indicou que é inminente a sinatura “do convenio do que falamos moitas veces e moitas veces adiado polo cal as tres universidades galegas van a ter cada unha delas unha facultade única de Enfermaría”. Esta facultade, lembrou, no caso da UVigo terá presenza nos seus tres campus (Ourense, Pontevedra e Vigo). “Isto era un acordo entre as dúas consellerías e as tres universidades que finalmente vaise facer realidade”, sinalou.
Respecto ao apagamento eléctrico, na súa visita ao campus de Ourense Manuel Reigosa explicou que este luns, ante o devir dos acontecementos, “tomamos inmediatamente a decisión de pechar” e que aínda que “estabamos dispostos a ter hoxe abertos os centros e ter actividade docente normalizada, onte pola noite chegou a orde da Xunta de Galicia de que non houbese docencia e polo tanto nós, como é lóxico, fomos absolutamente respectuosos con esa orde”. En todo caso, indicou, “os centros están este martes abertos para actividades administrativas e de investigación e facemos votos para que a recuperación completa sexa o mellor e o antes posible”. Hoxe, dixo o responsable institucional, “toca facer reconto das cousas que se estragaron, como algún equipamento” e ir volvendo á normalidade.
Microcredenciais e Campus Auga
O Consello de Campus tamén contou coa intervención do vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente da Universidade de Vigo, Alfonso Lago. El fixo “unha presentación inicial da futura convocatoria de microcredenciais financiadas dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dun convenio que se vai a asinar entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e as tres universidades públicas galegas”. As microcredenciais, indicou, serán pequenos cursos de formación para a recualificación da poboación de 25 a 64 anos, para a adquisición de coñecementos, habilidades e competencias nunha contorna laboral cambiante, mediante itinerarios profesionais de aprendizaxe personalizada a partir da demanda da sociedade e do mercado de traballo. Esta formación estará financiada e o alumnado que a supere recibirá unha certificación dixital Europass da Universidade de Vigo que será válida dentro da Unión Europea.
Tamén interveu na sesión Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, que falou das actuacións levadas a cabo desde o último Consello de Campus. Entre elas, destacou o bo desenvolvemento dos obxectivos marcados para o Campus Auga tras a súa acreditación por parte da Xunta de Galicia. O responsable académico fixo un repaso polas últimas accións levadas a cabo por esde proxecto de especialización, desde a constitución dos seus novos comités ata a entrega dos seus VI Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica. Igualmente lembrou as actuacións levadas a cabo en cultura, deportes, pequenas obras, actividades e convocatorias competencia desta vicerreitoría.