DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha sesión ordinaria do Claustro celebrada este mércores no campus de Ourense

O procedemento para elaborar o novo plan estratéxico da Universidade de Vigo bota a andar

Tamén se presentaron 45 propostas de captación de alumnado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 06/02/2019

O campus de Ourense acolleu este mércores a primeira sesión ordinaria de 2019 do Claustro Universitario. Nela, as e os representantes dos diferentes sectores da Universidade de Vigo tiveron a oportunidade de abordar temas relacionados con algúns dos grandes retos que ten a institución académica nos vindeiros anos, como son a captación de alumnado, a súa masa salarial, a loita pola igualdade de xénero e a creación de universidades privadas. Con ese marco de fondo, na reunión aprobouse o inicio do procedemento para a elaboración do novo plan estratéxico da Universidade de Vigo.

Plan estratéxico

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, foi o encargado de presentar a proposta de procedemento para a elaboración do novo plan estratéxico da institución académica, salientando como “presentamos esta proposta concreta para empezar a traballar pero estamos abertos totalmente a calquera cambio”. O procedemento exposto polo reitor divídese en catro fases. A primeira sería de análise estratéxica, que inclúe a aprobación en Claustro do inicio do procedemento, do seu responsable, a aprobación do comité director do plan estratéxico, a definición da misión, visión, valores etc. e a definición de comités de traballo de áreas estratéxicas. Nesta fase, apuntou, farase a “análise do que queremos ser como Universidade” e amosou o seu desexo de que esa definición saia do Claustro. A segunda fase sería a de formulación estratéxica, centrada no traballo dos comités de traballo previamente aprobados (titulacións, investigación, transferencia, innovación, responsabilidade social…), dándose un prazo máximo de seis meses ata a súa presentación ao comité director. A terceira fase sería a de validación, realizando, a partir do traballo dos comités, o comité director do plan a redacción de proposta de plan estratéxico. Por último, a cuarta fase sería o debate no Claustro da proposta e aprobación unha vez incorporadas as propostas adicionais que se estime oportuno, someténdose posteriormente á aprobación polo Consello de Goberno e polo Consello Social.

A proposta de comité director do plan presentado no Claustro está formado polo reitor ou persoa na que delegue, vicerreitoras e vicerreitores con competencias en planificación, investigación, titulacións, transferencia e estudantado, xerenta, representante do Consello Social, catro representantes dos decanos e directores, oito claustrais membros do PDI, catro claustrais membros do PAS e catro claustrais membros do estudantado, tentando en todos os ámbitos representación paritaria e equilibrio de áreas e campus.

Universidades privadas

Ademais do plan estratéxico o reitor presentou ao Claustro o seu informe. Un dos puntos tratados foi como a Secretaría Xeral de Universidades publicou no portal de transparencia da Xunta a consulta pública sobre a posible lei pola que se recoñece como universidade privada á Universidad Internacional de la Empresa. O reitor salientou como o equipo de goberno valorou formular alegacións baseándose “na falta de informe previo preceptivo e na escasa información dispoñible”. “Nós entendemos que non se cumpre co procedemento que se establece na lei”, afirmou o reitor, indicando como “non pode ser que unha universidade privada, que ao meu xuízo non fai falla en Galicia, veña a xogar cunhas regras de xogo diferentes ás das universidades públicas”. Manuel Reigosa amosou a súa confianza en que neste tema “as tres universidades vaiamos da man” e salientou como propuxo aos demais reitores galegos que no vindeiro Consello Galego de Universidades se aborde a entrada de novos axentes no Sistema Universitario Galego. Alén do debate como unha cuestión técnica, o reitor recalcou como nesta cuestión debe producirse “un debate político, de política universitaria, de cal debería ser o papel hipotético dunha universidade privada en Galicia”.

Outros temas abordados no seu informe foron a paga extra do PDI, lembrando como cada profesor recibirá a metade do diñeiro correspondente ao número de quinquenios docentes recoñecidos. Tamén se referiu o reitor a como co gallo de incrementar o aforro económico, diminuír a pegada ecolóxica e racionalizar as vacacións do persoal, estase a traballar cos diferentes axentes implicados no peche de centros en período vacacional, concretamente barallando a posibilidade de pechar dúas semanas no mes de agosto. Ademais, Manuel Reigosa falou no seu informe do axuste de fondos da biblioteca amosando a súa disposición a “darlle unha volta”.

Masa salarial e ofertas públicas de emprego

Durante o seu discurso o reitor abordou a situación da masa salarial. Lembrando como “é evidente que a Universidade de Vigo está saneada, e pretendemos que siga sendo unha universidade saneada”, afirmou como “somos a que máis está aforrando en temas de persoal” no marco galego. Neste contexto indicou como “imos intentar negociar coa Xunta nestes catro anos unha masa salarial que nos permitan facer as políticas de profesorado que queremos facer”, propoñendo unha subida anual da masa salarial dun millón de euros.

Relacionado con este tema, Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, presentou ante o Claustro un informe de previsión de creación de prazas de corpos docentes universitarios. Así fixo un repaso polo estado das ofertas públicas de emprego en marcha e as previsións futuras. Da oferta correspondente a 2017, de 54 prazas, apuntou que en febreiro-marzo agárdase que se celebren as oposicións e toma de posesións. Sobre a oferta de 2018, de 53 prazas, indicou que en febreiro-abril estímase que será a aprobación de criterios e a elaboración de listaxes de prelación. Sobre os escenarios sobre os que se traballa para a oferta de 2019 indicou que se agarda poder convocar un total de 44 prazas (20 de catedráticos, 20 de titulares e 4 de contratados doutores), tratando de que a convocatoria se publique no DOG en novembro de 2019. En 2020 a previsión que se manexa, apuntou, é unha convocatoria de 94 prazas (43 de catedráticos, 43 de titulares e 8 de contratados doutores).

Captación de alumnado

Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, foi a encargada de presentar ao Claustro Universitario unha proposta de Plan xeral de captación de alumnado para o período 2018-2021. Nun marco de caída demográfica, a vicerreitora, apuntou como “queremos deseñar un plan de promoción da Universidade de Vigo para dar a coñecer a oferta formativa e os puntos fortes da Universidade e ser a primeira opción universitaria”. Así, presentou ás e aos claustrais presentes unha batería de 45 medidas, algunhas xa en marcha, en diferentes eidos de actuación. No ámbito interno, o plan inclúe propostas como deseñar e crear material publicitario institucional, un plan de comunicación, un programa de voluntariado para o alumnado participante nos labores de captación e recoñecer no programa Docentia a participación do profesorado nas accións deste plan. Entre as medidas de orientación académica contémplase un amplo abano de accións como xornadas comarcais de orientación, visitas guiadas aos campus ou xornada de portas abertas para familias.

O plan tamén abrangue medidas de divulgación científica, como sesións temáticas divulgativas en institutos, obradoiros de captación de talento ou proxectos colaborativos entre centros de ESO e grupos de investigación. A captación de alumnado feminino para as enxeñarías contempla medidas como implantar programas STEM, obradoiros científicos ou un programa de prácticas científico-tecnolóxicas en laboratorios universitarios. As medidas destinadas á captación de alumnado estranxeiro inclúen a participación en feiras internacionais ou un programa de embaixadores e embaixadoras formado por egresados e egresadas. Completa a batería de medidas as relacionadas co posgrao, apostando desde o fomento da opción virtual ata a súa promoción en feiras; medidas de incentivación da relación coa sociedade, tanto co ámbito urbano como rural, e medidas específicas como o fomento da integración de estudantes con necesidades especiais. Tamén se propón un plan específico para graos con dificultades e establecer un plan de axudas específicas para os graos con baixa demanda. A proposta foi debatida no Claustro, achegando varios claustrais propostas concretas.   

Visibilización do acoso

Tamén se presentou ante o Claustro o informe Diagnose do acoso sexual e por razón de sexo na Universidade de Vigo, elaborado polas profesoras María Lameiras, Yolanda Rodríguez e María Victoria Carrera, investigadoras do Grupo de Investigación en Sexualidade, Xénero e Saúde. O documento, encargado pola Unidade de Igualdade e que contou coa colaboración do Consello Social e do Tribunal de Garantías da institución académica, supón, segundo explicou María Lameiras, “o primeiro estudo que se fai en España sobre estas cuestión”, sobre como se vive a realidade do acoso de xénero na institución académica, nos seus diferentes campus e colectivos, co obxectivo último de previr e erradicar estes comportamentos. Durante a súa intervención, a profesora explicou a metodoloxía e os resultados tanto cuantitativos como cualitativos do estudo. O  público asistente puido coñecer en detalle datos como que a percepción de risco das situacións de acoso sexual é maior por parte das mulleres dos tres colectivos (alumnas, PDI e PAS) que nos seus compañeiros, cunhas porcentaxes que se sitúan no 30% para elas e cun rango de entre o 13.5% e o 21.9% para eles. Tamén puxo de manifesto a docente como nas enquisas realizada se identificaron como vítimas de acoso sexual 35 (3.2%) estudantes (30 alumnas e 5 alumnos); 13 PDI (7.1%) (12 mulleres e un home) e 9 (5.8%) PAS (8 traballadoras e un traballador). Ante estes datos e ante os relatos de acoso expostos por María Lameiras e que foron recollidos no estudo, o reitor salientou como “hai que ir máis lonxe da diagnose” e da reacción ante casos concretos para tamén “traballar para que non se produzan estas situación”, anunciando a próxima presentación de medidas concretas neste eido.

A sesión do Claustro rematou, despois de case catro horas, cunha quenda de rogos e preguntas na que as e os claustrais presentes trataron temas como a necesidade de abordar o envellecemento do persoal de administración e servizos e a falta de representación sindical do persoal investigador. Tamén se falaron de cuestións como os retrasos na contratación de persoal en proxectos internacionais, a redución de horario na Biblioteca de Ourense, a demora na convocatoria das bolsas de comedor ou os prezos nos mesmos, entre outros moitos aspectos.