DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baixo o paraugas do proxecto europeo Sherpa do Mar, liderado pola UVigo

Na procura de 12 proxectos de emprendemento no sector mariño-marítimo

As persoas interesadas poden enviar as súas propostas ata o 15 de setembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Investigación
DUVI 14/07/2020

Atopar e pór en marcha unha ducia de proxectos de emprendemento no sector mariño-marítimo. Con este obxectivo o proxecto europeo Sherpa do Mar, liderado pola Universidade de Vigo, pon en marcha as denominadas Sherpa Journeys, un programa de apoio e acompañamento personalizado ao emprendedor co que axudar as persoas participantes a desenvolver as súas ideas de negocio, mellorar o seu nivel de desempeño emprendedor, así como a competitividade dos propios proxectos. Esta semana abriuse a convocatoria para que as persoas interesadas poidan comezar xa a presentar as súas iniciativas, a través dun formulario en liña dispoñible na web do programa, e o prazo para a presentación de solicitudes manterase aberto ata o vindeiro 15 de setembro.

Baixo o paraguas de Sherpa do Mar desenvolveuse unha pormenorizada metodoloxía de apoio personalizado ao emprendedor, con base en diferentes estudos científicos realizados por persoal investigador do grupo de investigación REDE da UVigo. Como parte desta metodoloxía, o principal o obxectivo desta convocatoria é a identificación e posterior selección de proxectos de emprendemento, innovadores, baseados en coñecemento científico-técnico e que contribúan a cubrir unha necesidade do sector mariño-marítimo.

Múltiples medidas de apoio para os proxectos seleccionados

Sherpa Journeys consta de tres fases, que son a convocatoria, a posterior selección e a valorización dos proxectos seleccionados. Da selección dos proxectos encargarase o Comité de Avaliación do programa, formado por persoal designado dos socios de Sherpa do Mar: as tres universidades galegas, o  Consorcio Zona Franca de Vigo, a Axencia Galega de Innovación, a Universidade do Porto, o Centro Interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental, UPTEC e Fórum Océano-Associaçao da Economía do Mar.
 
Unha vez elixidos arrancará a fase de valoración, na que se porá a disposición dos participantes seleccionados diferentes medidas de apoio ao emprendemento. Por unha banda, terán dereito a un sistema de avaliación e monitorización no que se realizará un diagnóstico personalizado baseado en diferentes indicadores que avaliarán as habilidades e competencias tanto do promotor, como do equipo no seu conxunto e da propia idea de negocio. Unha vez realizada esta avaliación previa, marcarase unha folla de ruta dinámica e personalizada e, para lograr o obxectivo final, contarán con asesoramento especializado en transferencia de tecnoloxía e coñecemento.

Posteriormente, a cada un dos proxectos recomendaráselle os programas de apoio ao emprendemento da Eurorrexión que mellor se adapten ás súas necesidades e, a maiores, as principais universidades e centros de investigación da Eurorrexión ofreceranlles tamén asesoramento científico-técnico aos participantes para reforzar a base de coñecemento sobre a que se asenta a súa idea de negocio. Xa por último, daráselle tamén acceso aun marketplace web e á rede de axentes de Sherpa do Mar, o que impulsará a visibilidade destas ideas de negocio, así como o acceso e contactos e posibles investidores a nivel interrexional.

Proxecto liderado polo grupo REDE, Campus do Mar e a Oficina de I+D

Liderado polo grupo REDE, Campus do Mar e a Oficina de I+D,  o proxecto europeo Sherpa do Mar –Plataforma eurorrexional de fomento da competitividade no ámbito mariño-marítimo a través do impulso de empresas de base tecnolóxica- ten como principal obxectivo  acompañar, titorizar e asesorar ás empresas do sector mariño e marítimo para mellorar a súa competitividade e ás persoas emprendedoras para consolidar as súas ideas de negocio en eidos como a pesca e a súa transformación, a industria naval ou o transporte de mercadorías ou persoas.

O proxecto, integrado no Programa de cooperación transfronteiriza Interreg V-A España Portugal Poctep 2014-2020, arrancou o pasado verán e prolongarase ata decembro do vindeiro ano.  Para a súa posta en marcha e desenvolvemento cóntase cun orzamento total de 997.184 euros.