DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun concurso fotográfico convocado pola escola no marco da programación polo seu centenario

Á procura dunha imaxe que poña en valor os 100 anos da EU de Estudos Empresariais

As propostas poden enviarse virtualmente ata o 31 de marzo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Premios
  • Cultura
DUVI 22/02/2021

Neste 2021 celébrase o centenario dun dos núcleos da rede empresarial e industrial galega, a Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo. Co fin de conmemorar estes 100 anos nos que máis de 20.000 estudantes decidiron formarse nas súas aulas, a escola acaba de convocar o certame fotográfico titulado Historia dunha ollada: Vigo e a súa escola

O concurso, que pretende atopar as imaxes que mellor representen o valor da escola, está aberto desde hoxe luns a todas as persoas interesadas e é posible enviar propostas ata o vindeiro 31 de marzo. Un xurado constituído por membros do alumnado e diferentes profesionais recoñecerá as mellores fotografías con recompensas de ata 300€.

Dúas categorías, seis premios

Aberto a calquera persoa, pertencente ou non á comunidade universitaria, o certame conta con dúas modalidades de participación, fotografía única e serie, e cada unha destas categorías ten tres premios. O primeiro consiste nunha achega económica de 300 € e unha experiencia dunha semana cun fotógrafo profesional, co que as gañadoras ou gañadores coñecerán de primeira man o traballo feito en sesións e edicións fotográficas. O segundo premio comprende unha cantidade de 150 €, mentres que e o accésit supón a entrega de 50 €. Ademais, cada participante obterá un agasallo. 

O xurado, formado por tres docentes, un PAS, tres estudantes da escola e o fotógrafo Lalo R. Villar, dará a coñecer o nome dos galardoados entre o 19 e o 23 de abril. 

Condicións de presentación

As persoas interesadas deben enviar as súas propostas a través dun formulario en liña, respectando unha serie de requisitos. Os arquivos, titulados co nome da obra, estarán en formato JPG, cunha resolución mínima de 2500 x 2500 píxeles e un peso máximo de 5 Mb. Permítense fotografías realizadas con calquera técnica, en branco e negro ou cor e editadas para mellorar a súa calidade (brillo, contraste, etc.), sempre que non se engadan ou eliminen elementos. 

Tendo en conta que hai dúas categorías, os participantes poden elixir presentar imaxes nas dúas ou só nunha. Mentres que para a modalidade de fotografía única é posible anexar ata tres obras orixinais, para a segunda só se pode enviar un relato ou serie fotográfica composta por un máximo de cinco imaxes. Ademais, as obras non poden ter sido premiadas con anterioridade. Así mesmo, as composicións presentadas pasarán a ser propiedade exclusiva da escola, que poderá empregalas para o que considere oportuno, sempre aludindo a súa autoría. 

Exposición temporal

Tanto as fotografías gañadoras como o resto das enviadas serán impresas e expostas temporalmente no vestíbulo da Escola Universitaria de Estudos Empresariais, sempre que o número de imaxes reunidas non sexa demasiado alto. Nese caso, o xurado seleccionará unha cantidade apropiada para a entrada do edificio.  

Entre a última semana de abril e a primeira de maio, despois da publicación das gañadoras, terá lugar a entrega de premios e a inauguración desta exposición temporal.