DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Lourenzo Fernández Prieto e Xavier Simón deron os detalles nun acto en liña

Na procura de integrantes para o Cispac, primeiro centro interuniversitario galego de I+D en ciencias sociais e humanas

As investigadoras e investigadores poden solicitar a vinculación ata o vindeiro luns

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 27/01/2022

Creouse o pasado mes de decembro e aspira a converterse no primeiro centro interuniversitario  de investigación e transferencia no ámbito das ciencias sociais e humanas con vocación internacional. Falamos do Cispac, o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, unha iniciativa que este xoves se presentou na Universidade de Vigo da man de dous dos integrantes do seu comité de dirección comisario: o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Lourenzo Fernández Prieto e o profesor da UVigo Xavier Simón, director do Observatorio Eólico de Galicia. Eles foron os encargados de achegarlle ás investigadoras e investigadores interesados en formar parte deste proxecto os detalles concretos dun centro para o que poden solicitar a súa vinculación ata o vindeiro luns. 

“Aspiramos a construír equipos transdisciplinarios máis fortes e, con isto, captar moitos recursos nas convocatorias competitivas autonómicas, estatais e europeas”, explicou Simón, ao tempo que fixo fincapé no carácter innovador dun centro que ten como principal obxectivo “contribuír a que a sociedade galega, nos seus ámbitos empresarial, cooperativo, social e ambiental, avance decidida e fortemente pola sustentabilidade, para construírmos unha sociedade resiliente e xusta, con parámetros de inclusión e igualdade, tamén respecto ás xeracións futuras”, recalcou o docente da UVigo, quen resumiu esta explicación nunha única idea: “queremos ser útiles á sociedade da que formamos parte e ese é o noso gran reto”.

 “Este é un proxecto que leva seis anos construíndose e no que hai, fundamentalmente, xente do mundo da xeografía, da historia, da economía, da socioloxía, do ámbito da antropoloxía...”, subliñou desde a USC Lourenzo Fernández Prieto, que insistiu en que se trata do primeiro centro deste tipo que se constituíu nos últimos 50 anos en Galicia, “polo que esperamos que teña unha orientación estratéxica moi potente e con moito futuro”, recalcou o investigador, que diferenciou este proxecto de Ecobas, o outro centro interuniversitario de Galicia, “moito máis centrado no ámbito da economía”.

Sede central no edificio Fontán da Cidade da Cultura

Tal e como se explicou na presentación, que foi retransmitida en liña e que se conectaron docentes dos tres campus, o Cispac ten a súa sede no edificio Fontán da Cidade da Cultura e as súas instalacións contan con preto de 2.600 metros cadrados nos que, ademais de espazos comúns, se conta con múltiples laboratorios.  A idea  é que estas instalacións acollan un gran número de investigadores das tres universidades galegas, pero “ata que finalice a chamada aos investigadores e se pronuncie o comité de expertos sobre a idoneidade das persoas candidatas é difícil estimar o numero final de investigadoras e investigadores que van estar vinculados ao Cispac”, explicou Simón.

No caso concreto da Universidade de Vigo, o secretario comisario de Cispac explica que nos 30 anos de historia desta institución “quedou moi claro” que conta con equipos de investigación e transferencia de primeiro nivel no ámbito das ciencias sociais e humanas, que “teñen desenvolvido proxectos coa perspectiva da sustentabilidade vendo e ollando para os nosos recursos propios, no mar e na terra, nas comunidades locais e nos seus xeitos específicos de gobernar  os seus recursos, atendendo ás dinámicas seculares e buscando alternativas, propondo iniciativas innovadoras de mobilización de todos eses recursos...”. A todos eses equipos e as investigadoras e investigadores que os conforman está dirixida a chamada de adscrición para a que se pechará o prazo o próximo luns e “todas eles teñen abertas as portas do Cispac e do edificio Fontán”, recalcou Simón.

Cinco campos de traballo para responder unha gran pregunta: que facer coa terra que temos?

Con esta chamada aberta á comunidade investigadora galega para que se ‘candidate’ a formar parte do Cispac búscase vincular a un número suficiente de investigadores e investigadoras capaces de deseñar e liderar liñas de investigación e transferencia relacionadas coas paisaxes atlánticas culturais para cumprir coas aspiracións estratéxicas de facer do Cispac un centro de referencia acreditado ao máximo nivel. “A gran pregunta que nos facemos é a seguinte: que facer coa terra que temos, e isto hai que velo dentro dun contexto de transición ecolóxica como o actual”, explicou Fernández Prieto.

Preténdese a incorporación de persoal investigador con experiencia científica probada, capaz de impulsar e mellorar as capacidades do centro e dar coherencia aos seus programas. Nesta liña, durante a presentación lembrouse que a axenda científica do centro está artellada en torno a cinco campos de traballo: paisaxes que teñen xente (sociedade, demografía e territorio); paisaxes que producen (mundo rural, alimentación e transición verde); paisaxes que se gobernan (comunidades, participación social e gobernanza); paisaxes que teñen patrimonio (patrimonio, identidade e cultura) e paisaxes visitadas (modelos turísticos e Camiño de Santiago).

O proceso de avaliación de candidaturas será realizado polo Consello Asesor Científico do Cispac, “conformado por sete membros de recoñecido prestixio nestes cinco campos”, explicou Fernandez Prieto, ao que engadiu que esta selección se fará “en función do capital investigador que achegue o candidato/a, ben sexa xa recoñecido ou de futuro”.