DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha nova edición do curso da Fundación Carlos Casares e a UVigo Cemac

Profesionais e alumnado analizan en Celanova as últimas producións audiovisuais galegas

O número de persoas inscritas ascende a 44

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 07/07/2026

Desde este luns pola tarde e ata o venres a vila ourensá de Celanova é un dos epicentros da actividade audiovisual galega coa celebración dunha nova edición do XXII Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (Cemac). Ata o venres, a cita reúne a profesionais do sector e alumnado universitario co obxectivo de analizar a diversidade creativa actual no ámbito cinematográfico principalmente galego. 

Organizado pola Fundación Carlos Casares dentro da oferta formativa de extensión universitaria do campus de Ourense, o Cemac conta co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia (no marco das actividades formativas que ofrece a Axencia Galega das Industrias Culturais para contribuír á conexión entre estudantes e cidadanía coa realidade laboral artística e laboral).

Falando do audiovisual en primeira persoa

Ao longo das cinco sesións previstas, que teñen lugar principalmente no Auditorio Ilduara da localidade ourensá, abordaranse producións como Así chegou a noite, Leo&Lou, Punto Nemo, Bispos, Alucinema e Pura, da man de membros dos seus respectivos equipos. Tamén se analizarán os diversos formatos, así como o proceso de consolidación do ecosistema audiovisual, do seu equilibrio industrial e creativo e as novas posibilidades transversais de actuación. Entre os perfís seleccionados para os coloquios están profesionais da interpretación, como Felipe Pizarrán ou Raquel Meleiro; de produción, como Alba Gallego ou Rocío Casal; de guión e dirección, como Carlos Solano ou Lois Patiño; de distribución, como Milo Baños, ou de comunicación, como Julia Sánchez. Na xornada de clausura intervirá Álvaro Agustín, director xeral de Telecinco Cinema e produtor de películas como Celda 211

A primeira sesión do Cemac’26, celebrada este luns pola tarde, estivo dedicada ás curtas e webserie, afondando no traballo creativo de Alba Gallego e Alucinema, da curta Bispos, de Zahira Teijelo, e da curta de non-ficción Pura, de Carmen Méndez. Foi, sinala Paulino Pérez, director do curso e profesor da UVigo, “un día caloroso e intenso de actividade no que se demostrou que as curtas tamén son cine”. Hoxe, a segunda sesión arrancou co visionado de Así chegou a noite, de Ángel Santos, contando ca presenza de Tamara Soto, directora de produción; Lorena Vilas, axudante de dirección; Pablo Cayuela, colorista, e Milo Baños, da distribuidora Baños Films.

Actividades complementarias

O XXII Curso de Medios Audiovisuais de Celanova tamén conta cunha serie de actividades complementarias, como a presentación este luns do libro Viaje cinematográfico por Galicia. Una retrospectiva emocional (1896-1939), a cargo de Emilio C. García, catedrático de Historia do Cine na Facultade de Ciencias da Información da Universidad Complutense de Madrid. Ademais, este martes, ás 19.15 horas no claustro do mosteiro da localidade, terá lugar a inauguración da exposición Carlos Casares e a fotografía e na noite do xoves 9 celebrarase un concerto do Hércules Brass e Falling, grupo musical composto en parte por alumnado da UVigo. 

En paralelo e como xa é tradición, desenvolverase o 16º Taller Celanova, Plató de Ficción, dirixido polo profesor Paulino Pérez. Esta experiencia, eminentemente práctica, está dirixida ao alumnado de Comunicación Audiovisual das facultades que imparten graos de Comunicación, como a do campus de Pontevedra, e ten por obxectivo a produción dunha peza audiovisual nun tempo determinado e cun orzamento pechado. En relación a este taller, o venres presentarase Entre acto, a curta desenvolvida na súa edición do pasado ano, que foi rodada en Vilanova dos Infantes e na Virxe do Cristal.

A Fundación Carlos Casares leva dende 2024 desenvolvendo cada verán este curso, que cada verán reúne na vila ourensá a profesionais do sector para que analicen o seu labor cara a cara e en faladoiros directos coas persoas matriculadas no curso. Ao longo destes anos, pasaron por el máis de 1000 inscritos e inscritas e máis de 400 profesionais do audiovisual.