DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro acolleu unha presentación da serie ‘Punto Nemo’ e un encontro cos seus responsables

Profesionais do audiovisual achegan a realidade do sector ao alumnado da Facultade de Comunicación

Unhas xornadas permítenlles afondar no traballo en diferentes departamentos dunha produción

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 28/03/2025

Na xornada na da súa estrea, o alumnado da Facultade de Comunicación puido coñecer de primeira man tanto os contidos como o proceso de rodaxe da serie Punto Nemo, a través da proxección do seu primeiro capítulo e dun coloquio co seu director, Denis Rovira, a produtora executiva Mamen Quintas e un dos seus actores protagonistas, Maxi Iglesias. Esta presentación permitiu nese senso achegar o alumnado aos procesos de traballo dunha serie rodada en Galicia, dando continuidade ás Xornadas Profesionais que nestes días permiten ao estudantado do Grao en Comunicación Audiovisual afondar no labor de diferentes departamentos desta industria.

“Para nós é unha honra acoller esta preestrea”, recoñecía o vicedecano de Comunicación, Paulino Pérez, quen este mediodía se encargou de guiar a conversa con Rovira, Quintas e Iglesias sobre a serie que nesta xornada estrea a plataforma Amazon Prime Video e que na tarde deste venres será presentada no Museo de Pontevedra. Este proxecto da empresa galega Ficción Producciones foi presentado polo seu director como “unha historia que mestura thriller e ciencia ficción con elementos de terror”. Trátase, engadiu Rovira, dunha “grande aventura que fala de misterios cósmicos e de segredos que se esconden nun lugar imaxinario, pero baseado nun lugar real, o punto do Océano Pacífico máis afastado de terra firme”, no que desde hai décadas “déixanse caer as naves espaciais na súa reentrada á atmosfera" e ao que chegaría nesta historia unha expedición conformada por militares e científicos “cun fin ecoloxista”. Cun equipo técnico galego e “rodada ao 90%” en Galicia, Punto Nemo “é unha aposta moi forte de Ficción Producciones”, sinalou Rovira, que destacou que esta serie, que contou “cun gran despregue de medios” e que arranca cun capítulo rodado en boa parte en alta mar, constituíu o “maior reto” da súa carreira.

Contacto directo cos profesionais da industria

Dirixidas a achegar ao alumnado as rutinas de traballo en diferentes departamentos dunha produción audiovisual, a facultade acolle tamén nestas semanas unha nova edición das xornadas profesionais que desenvolve co patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo. Esta serie de coloquios e obradoiros permítelles coñecer en profundidade ámbitos como a distribución de producións audiovisuais, o rexistro de son en directo, a montaxe ou a dirección.

Dando continuidade a este ciclo, no marco dunhas xornadas promovidas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) xunto coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), na mañá deste venres tivo lugar un coloquio sobre o oficio de script, a persoa encargada de supervisar a continuidade, tanto visual como argumental, dunha produción. As e os estudantes puideron achegarse a esta figura da man de Alba Gallego, produtora en Kraken Media e autora do blog Cuentos de una script, no que afonda nas particularidades dun traballo que nos últimos anos desenvolveu en longametraxes como Fatum ou Ons e en series como Rapa ou Vivir sin permiso

Previamente, as xornadas profesionais que a facultade promove co patrocinio do Consello Social centráronse nos procesos de deseño de son e rexistro de son en directo, da man de Xavi Souto, nun coloquio que tivo lugar este xoves e que abordou “como afrontar unha rodaxe desde a parte do son”, da man dun profesional que exerceu como xefe técnico de son en filmes como Cuando toco un animal, Matria ou O que arde

Coordinadas por Paulino Pérez, estas xornadas arrancaron a pasada semana cunha sesión dedicada á distribución de curtametraxes, da man da egresada Laura Doval, produtora e distribuídora de Gaita Films. Co obxectivo, como sinala Pérez, de achegar á facultade “diferentes perfís profesionais”, aos que o alumnado poida tamén “consultarlle dúbidas” respecto dos proxectos de curtametraxes que están a desenvolver, este ciclo continúa a vindeira semana con dúas sesións centradas “nos oficios de montador e de axudante de dirección”. A primeira delas, o vindeiro xoves, correrá a cargo de Lu Rodríguez, quen nos últimos anos traballou como montadora para series como Rapa ou El desorden que dejas e para longametraxes como Fatum, mentres que ao día seguinte David Méndez, responsable de Alén Films, “falaranos do traballo de axudante de dirección”.