DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 120 persoas seguiron a xornada organizada este xoves por CC Xurídicas e do Traballo

Profesionais do Dereito debaten as medidas tomadas fronte á pandemia para mellorar a xestión de futuras crises sanitarias

O relatorio puxo o foco nos instrumentos de control e nas súas implicacións no estado de benestar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
Rebeca López Villar DUVI 02/07/2021

O 14 de marzo de 2020 publicábase o Real Decreto 463/2020 nun BOE extraordinario polo que se establecía en España o estado de alarma, un mecanismo xurídico para a xestión da crise sanitaria provocada pola covid-19. Partindo desta situación histórica, esta semana unha ducia de expertas e expertos reuniuse nun seminario semipresencial co fin de debater as medidas levadas a cabo polas institucións para facer fronte á pandemia. Baixo o título Emerxencia sanitaria: toma de decisións, control e estado de benestar, a xornada estivo organizada por docentes da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e contou coa participación de máis de 120 asistentes.   

Unha análise multidisciplinar

A realización deste encontro xurdiu “dunha suxestión do decano e dun grupo de docentes da facultade que colaboran coa Sección Española da International Society of Public Law”, como sinala o profesor Ángel Aday Jiménez, un dos organizadores. Tanto el como María Antonia Arias, Pablo Riquelme e Tamara Álvarez atopaban necesario “achegar unha perspectiva multidisciplinar á análise da actual crise sanitaria”, observando o acontecido desde os eidos do Dereito Administrativo, Constitucional, Internacional Público e desde as Ciencias Políticas. Neste senso, o obxectivo da actividade foi dobre. Dunha banda, as relatoras e relatores debateron sobre as ferramentas empregadas para frear a expansión da covid-19, “non só desde un punto de vista xurídico, senón tamén político”. Doutra banda, as persoas asistentes puideron escoitar reflexións variadas sobre posibles respostas a futuras crises. 

Así mesmo, a xornada serviu para contrastar opinións sobre “o uso do estado de alarma como paraugas xurídico para acordar o confinamento”, unha discusión presente no eido xudicial, político e social. Precisamente polo crecente debate social e “a incerteza xeralizada”, Jiménez considera que a realización de encontros deste tipo é positiva, xa que “as contribucións son moi necesarias” para clarificar “un debate constitucional no que hai que ter en conta a perspectiva internacional” e a inexistencia de precedentes. 

As mesas de debate prevén grandes desafíos xurídicos 

O formato híbrido do seminario permitiu ás persoas inscritas seguir as tres mesas de debate, ben presencialmente na facultade, ben no Campus Remoto. No primeiro núcleo temático, titulado A xestión da emerxencia sanitaria: quen e como se decide?, Eloísa del Pino, Luis Arroyo e Alba Alonso abordaron a distribución do poder ante as emerxencias, así como os poderes de intervención ordinarios e extraordinarios e o alcance das restricións de dereitos. O segundo bloque, a cargo de Ana Carmona, Susana de la Sierra e Leonardo Álvarez, centrouse “nos instrumentos de control políticos, xurisdicionais e derivados do Dereito Internacional e da Unión Europea”. 

Finalizaron a xornada Alba Nogueira, Ruth Ferrero e Juan Rodríguez, revisando o impacto da crise sanitaria no estado de benestar. Os relatores desta última mesa fixeron fincapé nos dereitos vinculados coa educación, a vida e a integridade, a autonomía persoal e a protección dos colectivos particularmente vulnerables. Un dos puntos máis destacables neste apartado foi o estudo da violencia de xénero e intrafamiliar durante os períodos de confinamento, ou a acentuación da fenda de xénero en situacións de emerxencia. 

As reflexións da xornada deste xoves auguran novos retos para o mundo do Dereito despois da pandemia. De feito, Ángel Aday Jiménez asegura que será necesaria “a actualización do noso Dereito de excepción e da lexislación sanitaria”. Jiménez subliña tamén o desafío “da articulación da recepción dos fondos NextGenerationEU”, o paquete económico temporal da Unión Europea para estimular a recuperación do continente. 

Inauguración e clausura 

Na inauguración deste encontro interviñeron o decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Francisco Torres, o profesor Ángel Aday Jiménez, o catedrático da New York University J.H.H. Weiler e Argelia Queralt, letrada do Tribunal Constitucional e profesora da Universitat de Barcelona. Pola súa banda, clausuraron os relatorios a docente da UVigo María Antonia Arias e Daniel Sarmiento, da Universidad Complutense de Madrid.