DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun seminario dirixido polos catedráticos Jaime Cabeza e Julio Costas

Profesionais do Dereito e a Economía debaten no campus sobre as denominadas ‘falsas cooperativas’

As cooperativas agroalimentarias teñen gran relevancia, tanto na economía galega como na portuguesa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 27/04/2021

Existen as falsas cooperativas? Que criterios deben empregarse para detectar se unha cooperativa é ou non verdadeira? De existir, como se poden combater e velar polo cumprimento da lexislación laboral? A heteroxeneidade lexislativa existente en España fomenta este fenómeno? Estas son algunhas das preguntas as que se tratou de responder ao longo desta mañá no Seminario de Transferencia sobre Cooperativas, unha actividade organizada polo grupo de investigación de Dereito Mercantil e do Traballo  e no que participaron destacados profesionais do mundo do Dereito, a Economía e as Relacións Laborais, tanto do mundo académico como de fóra del.

Dirixidos polos catedráticos Jaime Cabeza e Julio Costas e baixo a coordinación do decano da facultade, o profesor Francisco Torres, o seminario contou coa participación da profesora portuguesa Deolinda Aparicio, coordinadora do Instituto Superior de Contabilidade e Administración do Porto, que foi a encargada de facer unha presentación xeral de que requisitos debe cumprir unha cooperativa para ser considerada como tal. Foi o achegamento inicial a unha cuestión que, posteriormente, se tratou en maior detalle nunha mesa de debate que contou coa participación do director-xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias Agaca, Higinio Mougán; o profesor de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Deusto, Javier Arrieta, e a xefa da Unidade Especializada da Seguridade Social da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra, Ana Pouso, egresada da facultade, aos que se uniron tamén o público participante, tanto presencial na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, como aquel que seguiu a actividade a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo.

Que condicións teñen que producirse para que haxa fraude de lei?

A relevancia das cooperativas agroalimentarias na economía portuguesa e galega xustifica, segundo explicou o decano, o interese e a pertinencia da celebración deste seminario, que tivo por obxecto formular un debate sobre cales son as condicións ou presupostos que teñen que concorrer desde a perspectiva dos principios cooperativos para que estas iniciativas empresariais non sexan, en realidade, un fraude de lei. O debate deixou patente que as cooperativas son un sector que se distingue por promocionar a participación, a colaboración, a xestión transparente e democrática e o goberno compartido en base a principios colaborativos e da economía social e, cando isto non se cumpre, polo motivo que sexa, podemos atoparnos ante as denominadas ‘falsas cooperativas’, un fraude de lei, na medida en que non exista máis motivación na súa constitución que fuxir das garantías do Dereito laboral en prexuízo dos dereitos das persoas traballadoras socias. 

A xuízo do profesor Julio Costas, o seminario evidenciou a existencia de tres planos ben diferenciados arredor desta temática: dunha banda, os aspectos laborais, en referencia ás consecuencias que ten que non se respecten os principios colaborativos; da outra, os aspectos fiscais, que por non respectarse eses principios se perdan os beneficios fiscais ou subvencións que poden chegar a ter este tipo de asociacións profesionais e, xa por último, o aspecto societario. 

Que pasa coas cooperativas economicamente dependentes?

Ao longo do debate tamén se tratou o tema das cooperativas economicamente dependentes, aquelas nas que, cando menos, o 75% da súa facturación dependa dun único cliente, un caso no que a xuízo do profesor da Universidad de Deusto se teñen que garantir certas condicións, tanto no que respecta a xornada, como a funcións... que sexan acordes cos principios cooperativos, “porque, se non é así, serían falsas cooperativas”.

A relación entre os principios colaborativos e a liberdade sindical foi outro dos temas que tamén saíu á luz, desta vez da man dos profesores Javier Arrieta, quen se referiu a ambos principios como incompatibles, e Jaime Cabeza, quen manifestou o seu desacordo nesa cuestión. “Para min negar a liberdade sindical no ámbito das cooperativas é negar un dos grandes principios dos grandes convenios e requiriría unha reflexión moito máis ampla”, recalcou Cabeza.

Este segundo seminario de transferencia enmárcase no ámbito das sociedades cooperativas, no que as relacións entre o Dereito societario e o Dereito do traballo son particularmente intensas, dada a dobre condición que teñen os cooperativistas, que adquiren a súa condición de socio polas achegas realizadas ao capital da cooperativa, “pero que tamén son usuarios da actividade cooperativizada, que pode consistir na prestación do traballo persoal do socio na cooperativa, en cuxo caso o socio se sitúa fronte á sociedade nunha posición xurídica”, recalcou Torres.