DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa presenza de representantes de empresas como Congalsa, ZF Group, Kaleido e Industrial Recense

Profesionais e estudantes debaten sobre as novas tendencias da loxística industrial

Nun seminario organizado polo Grupo de Ingeniería de Organización, GIO

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Universidade e empresa
  • Académica
M. Del Río DUVI 23/05/2018

O Seminario de Loxística, que chega este ano á súa vixésimo sexta edición, ten como obxectivo servir como punto de encontro para todos aqueles profesionais relacionados coa área da loxística, tendo como finalidade presentar as últimas tendencias neste eido e ofrecer experiencias do mundo real sobre como se implantan os sistemas loxísticos nas empresas. Esta nova edición celebrouse hoxe mércores na Escola de Enxeñaría Industrial, baixo a coordinadción do profesor José Carlos Prado, do Grupo de Ingeniería Industrial. Para achegar este sector ao eido académico e favorecer o intercambio de experiencias entre profesionais, o centro acolleu un programa de relatorios de destacados representantes do mundo industrial. Nesta ocasión, o seminario foi inaugurado coa conferencia de Noela Prieto, de Congalsa, que falou da experiencia desta empresa nos procesos de mellora continua e continuou coa intervención de Juan Santos, sénior manager de Compras en ZF Group, multinacional do eido da automoción. Na súa intervención explicou aos asistentes, principalmente profesionais da enxeñaría de organización e estudantes, como se xestionan as compras nunha contorna global dende a experiencia da empresa na que traballa.

Mercar nunha contorna globalizada

Santos explicou que nesta compañía o departamento de compras evolucionou cara unha estrutura matricial, na que existen dous servizos, o de compras de familia e o de compras de proxecto, que traballan conxuntamente para dar servizo aos proxectos e garantir os obxectivos da empresa. “Inicialmente os compradores de familia asumían as compras de proxecto, pero a medida que se incrementou a complexidade dos proxectos, a diversidade dos mesmos e o número dos mesmos, considerouse a necesidade de crear unha figura específica para os proxecto”, que é a que Santos desenvolve. Segundo explicou o enxeñeiro, esta é unha figura que está integrada no equipo de cada proxecto e exerce de nexo de unión entre provedores, a organización das compras e o equipo do proxecto. Na súa intervención explicou que grazas a esta organización, compras está presente en todas as fases do proceso, dende o momento 0 ata a finalización do mesmo.

Respecto a esta aposta por asociar as compras a cada proxecto, fixo fincapé no feito de que os proxectos teñen cada vez máis alcance global, polo que se fai necesario unha perspectiva diferente á tradicional. Neste caso “unha rexión asume o liderado, que normalmente é a primeira en entrar no proxecto ou a que a que está máis próxima ao centro de desenvolvemento do cliente”. Deste xeito asígnanse compradores de proxecto locais, e un deles asume o rol de líder e, nas etapas iniciais do proxecto, que inclúe a selección de provedores, considéranse as opcións de compras tanto globais como locais.

Na súa intervención Santos fixo tamén un repaso polas diferentes consideracións a ter en conta no proceso de selección dos provedores, que comezan por determinar o alcance do proxecto (local ou global) e por delimitar se se aposta por mercar ou hai posibilidades de fabricación interna de algúns dos compoñentes. Subliñou que é preciso valorar se se quere unha ou varias fontes de subministro, dependendo das condicións do proxecto, así como a localización dos provedores e súa relación coa localización da empresa e da planta de fabricación. Outras consideracións pasan pola posibilidade de facer paquetes de compra, realizar unha análise de fiabilidade das empresas provedoras e valorar os custes dos compoñentes e ferramentas e a súa adaptación dos obxectivos preestablecidos. Con todo, remarcou que hai que ter en conta que sexan provedores consolidados que dean resposta ás necesidades da empresa, que aposten pola innovación e pola redución dos ciclos de desenvolvemento e a xestión de calidade e da diversidade, pero sobre todo ”non hai que apertar demasiado, porque os provedores tamén teñen que gañar e tamén nos convén saber que podemos contar con eles para o futuro”.

A xornada continuou coa intervención de Xoán Martínez, chief executive officer en Kaleido Ideas & Logistics que falou sobre a loxística de proxectos especiais a través de casos reais, e pechou o seminario Luis López, director xeral de Industrial Recense, cun relatorio sobre as fábricas virtuais 4.0