Nunhas xornadas promovidas polo Campus Crea, centradas nas relacións públicas
Profesionais formadas na Facultade de Comunicación retornan ao campus para falar do camiño da Universidade á empresa
A través da súa experiencia en compañías como Hijos de Rivera ou Casa Solla
Achegar o alumnado á realidade do mercado laboral, a través das experiencias de profesionais formadas na Universidade, é o obxectivo central das xornadas Empresa-Universidade, que o Campus Crea promove nestas semanas na Facultade de Comunicación. Tres egresadas deste centro, que traballan para empresas como Hijos de Rivera, Casa Solla e Trisquelia, son as protagonistas dunha nova edición duns encontros que, como sinala a directora da Área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, en anteriores edicións puxeron o foco “na fotografía ou na creatividade e que este ano enfocamos nas relacións públicas”.
Abertas ao público, este ciclo de conferencias arrancou a pasada semana co relatorio A organización de eventos nun evento con Estrella Michelín, a cargo da graduada en Publicidade e Relacións Públicas Alejandra Benso, xestora de eventos en Pepe Solla. Presentado polo profesor Juan Manuel Corbacho, este coloquio tiña como obxectivo achegar o alumnado ás figuras do event planner e o event producer. “A idea é que falen do día no seu traballo, que lles conten o alumnado como chegaron alí e como orientar a súa carreira se queren traballar neste campo”, sinala Corbacho, encargado de coordinar unhas xornadas que combinan o achegamento a un caso concreto cun percorrido pola traxectoria profesional das conferenciantes, que poida servir tamén como un “elemento motivador” para as e os profesionais que se forman no centro.
Da internacionalización de Estrella Galicia aos eventos internacionais
Baixo o título de Experiencias de egresadas no eido da publicidade e das relacións públicas, as xornadas Empresa-Universidade continúan o vindeiro martes 10 de novembro, ás 9.00 horas, cunha conferencia de Goretti Castro, senior content developer en Hijos de Rivera. Este relatorio porá o foco “na estratexia de internacionalización dunha das empresas máis importantes de Galicia”, a través dun caso de éxito concreto, como foi a campaña de emprazamento de produto na serie La Casa de Papel, que deu lugar posteriormente a iniciativas como a campaña Plan Cabo Suelto.
Aberto tanto ao alumnado como ao público en xeral, este ciclo desenvólvese na planta baixa da facultade e complétase o xoves 12, ás 13.00 horas, co relatorio Os eventos internacionais na cidade de Pontevedra, a cargo de Vanesa López Chousa, socia fundadora e directora de Trisquelia. O seu relatorio estará centrado na experiencia desta empresa na organización de múltiples tipos de eventos, desde congresos internacionais a actividades como a feira do gourmet galego Etiqueta Negra, ao tempo que permitirá pór o foco no traballo por conta propia no sector da comunicación e organización de eventos.