DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas celebradas na Facultade de Filoloxía e Tradución

Profesionais da interpretación toman o pulso ás principais problemáticas e necesidades do sector en Galicia

Descenso do prezo dos servizos e incremento de empresas foráneas, entre as principais problemáticas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Académica
D. Besadío DUVI 05/02/2019

Debater e conversar sobre o estado da profesión para detectar problemas e deseñar posibles solucións. Este é o grande obxectivo da xornada Tomamos o pulso ao mercado da interpretación en Galiza, un encontro que reuniu na Facultade de Filoloxía e Tradución a un nutrido grupo de profesionais da interpretación, así como a representantes das principais empresas, tanto deste sector como do da organización de eventos, e os clientes finais.

Organizadas por AGPTI, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación, coa colaboración da Universidade de Vigo, a posta en marcha destas xornadas xurdiu ante a detección nos últimos tempos de determinadas mudanzas no sector. “Desde hai un tempo percibimos a necesidade de establecer un debate profundo sobre as condicións de traballo, as principais novidades do mercado, incluíndo tanto as novidades técnicas como a presenza de novos axentes”, explicou Iria Taibo, presidenta de AGPTI na apertura das xornadas, intre no que tamén aproveitou para agradecer a boa disposición da facultade para acoller as xornadas, destacando especialmente toda a implicación da profesora Ana Luna, “piar fundamental” na organización do evento. “Neste debate unha parte moi importante son as persoas que se dedican a isto, as intérpretes, mais tamén consideramos que nesta ocasión era importante abrir ese debate ao resto de axentes que conforman ese mercado”, subliñou Taibo.

Xunto á presidenta de AGPTI a apertura do encontro contou coa participación do decano do centro, Luis Alonso Bacigalupe, profesor do Departamento de Tradución e Lingüística, que fixo fincapé na importancia de debater e discutir sobre este tema “sobre todo, para deseñar posibles solucións coa participación de todos os axentes implicados”. Tamén nesta idea incidiu Taibo, quen fixo fincapé en que “o mercado galego ten unhas especificidades moi concretas que o diferencian doutros mercados e por iso era importante para nós contar coas empresas que contratan eses servizos e tamén coas entidades que son as destinatarias finais”.

As empresas de organización de eventos advirten dos perigos da contratación de persoas sen titulación

Tras a apertura das xornadas, tivo lugar a primeira mesa redonda e nela contouse coa participación das empresas de interpretación e de organización de eventos e dos clientes finais, que tiveron a oportunidade de falar sobre como ven elas o mercado na actualidade, tanto aquelas que fan de intermediarias entre clientela final e intérpretes coma os propios clientes finais. Encargouse de moderar o debate Lara Domínguez, intérprete de conferencias e doutora en Interpretación, e nel interviron Aída Cordeiro, da empresa Attesor Traducción y Comunicación; Elena Martín, xerente de Nartran Translations; Ana Trevisani, presidenta da Asociación Galega de Organizadores Profesionais de Congresos –OPC Galicia-, e Belén Vallina, xerente da Vigo Convention Bureau. 

Entre todas tentaron facer un pequeno esbozo de como están as cousas no sector neste momento, destacando, sobre todo, dúas preocupacións fundamentais: a presenza cada vez maior de empresas que veñen de fóra –sobre todo Madrid e Barcelona- e o descenso do prezo dos servizos. “Cando chegou a crise o certo é que  nos descolocou a todos, non só ao mundo da construción, e penso que en moitos aspectos creouse a sensación de que todo o que viña de fóra era mellor”, explicou Ana Trevisani, ao que engadiu que “hoxe afortunadamente hai sectores no que isto xa se superou, pero non en todos, de aí a necesidade de unirse como colectivo e facerse ver”. Desde o seu punto de vista, “aínda hai demasiadas organizacións que non valoran suficientemente a importancia de traballar con intérpretes profesionais”, o que as leva, segundo explicou a recorrer a persoas con tarifas máis reducidas, pero que non son tituladas e non dominan a profesión, “polo que o resultado final non acostuma ser bo e acaba prexudicando a todos”.

De xeito complementario a esta primeira mesa redonda, a segunda rolda de intervencións, moderada polo decano da facultade, estivo protagoniza polas profesionais da interpretación e nela interviñeron Iria Castro, María Reimóndez, Michael Skinner e Tania Souto. O obxectivo era falar da situación actual da profesión, non só para queixarse (“que tamén”), senón para facer propostas desde o punto de vista das caras visibles da interpretación e das persoas que están máis en contacto con todos os axentes implicados. “Preocúpanos que estas mudanzas que está a sufrir o mercado profesional poida ter consecuencias negativas sobre a súa calidade e estabilidade”, explicou a presidenta de AGPTI, “por iso queremos entender os motivos e procurar o xeito” de que tanto as persoas que se dediquen a isto no futuro –que están na actualidade formándose na FFT- como aquelas que teñen anos de experiencia poidan exercer o seu traballo dun xeito digno.