Instituto iLingua e UVigo organizan unha xornada con profesionais do Hospital Álvaro Cunqueiro
Profesionais da interpretación e a tradución reivindícanse como garantía dunha comunicación efectiva no ámbito sanitario
A Área Sanitaria de Vigo atende unha poboación estranxeira e con diversidade funcional crecente
Nun contexto de mobilidade internacional crecente a presenza de persoas con orixes, culturas e linguas diferentes é unha realidade que permea todas as capas e servizos que ofertan as sociedades nas que se insiren. “A Área Sanitaria de Vigo atende unha poboación diversa, e desde a perspectiva da xestión, debemos procurar que as dificultades de comunicación entre os profesionais sanitarios e os pacientes se aborden mediante recursos adecuados, criterios de actuación e unha maior sensibilización dos equipos asistenciais”, explica Francisco Jesús Represas, subdirector de Humanización e Atención á Cidadanía da Área Sanitaria de Vigo, que tamén lembra, que as barreiras de comunicación non se limitan ás diferenzas idiomáticas e que persoas con discapacidade auditiva, dificultades cognitivas ou limitacións funcionais poden precisar medidas específicas para garantir unha comunicación efectiva.
Que os profesionais da sanidade coñezan a formación que recibe o alumnado que cursa estudos de tradución e interpretación na UVigo, “as características deses estudos para que os intérpretes se rexan por un código deontolóxico, para que coñezan a terminoloxía, neste caso sanitaria e saiban enfrontar as barreiras culturais”, detalla a catedrática do Departamento de Tradución de Lingüística da UVigo Maribel del Pozo Triviño; e, que o alumnado, a súa vez, se achegue a como se traballa nos hospitais cando se precisan tradutores e intérpretes, son os obxectivos da I Xornada Tradución e cousas médicas que se celebrará o 9 de novembro no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Organizada polo instituto iLingua e o centro hospitalario, con esta xornada, “o iLingua e a UVigo reforzan o seu compromiso cos dereitos humanos e cuns servizos públicos de calidade, non só educativos, senón tamén médicos, ademais de visibilizar o papel fundamental das investigacións que se fan na Universidade de Vigo sobre a interpretación, a tradución e a mediación no eido de medicina”, explica María Méndez, docente e investigadora do Departamento de Lingua Española e secretaria de iLingua.
A xornada, para a que compre inscribirse para partricipar, comezará ás 16.45 cun relatorio titulado Da formación á práctica profesional en tradución e interpretación, a cargo de Maribel del Pozo e Tamara Varela, docente asociada do Departamento de Tradución e Lingüística da UVigo e continuará coa mesa redonda Máis alá das palabras: barreiras lingüísticas e culturais na atención sanitaria, na que participarán Francisco Jesús Represas, subdirector de Humanización e Atención á Cidadanía da Área Sanitaria de Vigo; Ana Novoa, enfermeira especialista en Pediatría; Rosa Izquierdo, médica de familia e especialista en violencia de xénero; e Carmen González Lloves, mediadora xorda e vicepresidenta de AsOrVigo.
“A idea é que acuda, tanto o persoal do hospital, como o noso alumnado, pois digamos, é unha xornada na que uns coñeceremos os outros. É dicir, o persoal sanitario coñecerá o noso alumnado, saberá como se forma e o estudantado como se traballa nos hospitais, como actúan cando teñen necesidades de tradutores e intérpretes e este tipo de cuestións”, detalla Maribel del Pozo.
Interpretación sanitaria, unha ferramenta esencial
A comprensión dunha diagnose, o seguimento dun tratamento, o consentimento informado e mesmo a seguridade do paciente, son cuestións fundamentais que poden verse afectadas por unha dificultade de comunicación entre o persoal sanitario e as e os pacientes. “Por iso, a tradución e a interpretación sanitaria non deben considerarse un recurso complementario, senón unha ferramenta esencial para garantir a equidade, a accesibilidade e a humanización na asistencia sanitaria”, sinala Francisco Jesús Represas, que aínda que recoñece que nos últimos anos se avanzou na sensibilización sobre a importancia da comunicación no ámbito sanitario, “debemos continuar traballando para reducir as barreiras lingüísticas e culturais que poden dificultar a relación entre profesionais e pacientes”.
Pola súa banda, María Méndez afonda en que as necesidades de interpretación no ámbito sanitario “poden parece unha situación esporádica, pero non o é, especialmente en servizos como maternidade ou urxencias hai unha necesidade real de ter intérpretes de todas as linguas. Pensemos nas persoas xordas, migrantes, estudantes de intercambio, turistas, etc. Ademais, calquera persoa implicada nunha necesidade médica necesita de profesionais cunha formación excelente específica e non que calquera persoa sirva de intérprete polos riscos de confusión que poden xurdir e que nestas situacións son vitais”.
Mentres, a catedrática da UVigo Maribel del Pozo sinala que “a profesión das e dos intérpretes non está moi recoñecida e a maioría deste traballo no ámbito sanitario faino xente de xeito voluntario ou pagándolle moi pouco”. Del Pozo recoñece que, aínda que interpretar a unha persoa que non coñece a lingua e que está nunha situación de necesidade no ámbito sanitario “é moi gratificante e é algo que a todos os intérpretes nos gusta”, a profesionalidade e a remuneración que implica, “deberían recibirse”.
Abordar as dificultades de comunicación cos recursos axeitados
Desde a perspectiva da xestión e da humanización sanitaria, Francisco Jesús Represas considera importante facilitar aos profesionais ferramentas que lles permitan enfrontar con garantías estas situacións, “especialmente cando se trata de transmitir información clínica complexa ou de adoptar decisións relevantes para a saúde dos pacientes”. Neste sentido, o subdirector de Humanización e Atención á Cidadanía da Área Sanitaria de Vigo recoñece que as ferramentas tecnolóxicas poden ser de grande axuda, “pero debemos ter presente que non todas as situacións poden resolverse mediante unha tradución automática e en determinados contextos asistenciais resulta especialmente importante contar con mecanismos de interpretación fiables e adaptados ás necesidades da persoa”.
Recursos axeitados, criterios de actuación e unha maior sensibilización dos equipos asistenciais, evitando que a capacidade de comunicación dependa exclusivamente da iniciativa ou os coñecementos lingüísticos de cada profesional, son, segundo Represas, fundamentais, desde a perspectiva da xestión sanitaria para abordar as situacións nas que a comunicación co paciente resulte especialmente complexa. “O noso compromiso debe orientarse a seguir mellorando a accesibilidade e a capacidade de resposta do sistema sanitario, promovendo unha atención na que as dificultades lingüísticas non supoñan unha desigualdade”, sinala o subdirector de Humanización e Atención á Cidadanía, que valora “moi positivamente” a celebración da xornada organizada por iLingua, “porque permite abordar a comunicación sanitaria desde unha perspectiva multidisciplinar”.
