DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Profesionais de recoñecido prestixio formarán en comunicación aos investigadores do CITI

O curso dará comezo este mércores e rematará o 2 de xullo

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Romina Vázquez DUVI 17/06/2008

Con motivo da posta en funcionamento do Centro de Investigación e Transferencia de Ourense no vindeiro mes de setembro, a Universidade decidiu impartir entre os membros de referencia do CITI cursos que lles proporcionen formación en materia de comunicación. Trátase de crear, dende o primeiro instante, unha entidade de pertenza á institución e, ao mesmo tempo, harmonizar as necesarias relacións entre investigadores e a prensa.
O obxectivo destas xornadas é a proxección dunha imaxe da Universidade acorde á de institución xeradora de coñecemento.
Impartidos por profesionais e académicos de referencia en materia de comunicación, a serie de módulos monográficos prevista abarcará diversos contidos importantes á hora de coñecer os medios de comunicación e as súas rutinas. A docencia, que mestura relatorios e presentacións teóricas con seminarios prácticos, repartirase en dúas sesións semanais programadas para os luns e mércores entre o 18 de xuño e o 2 de xullo.

Contido do curso

A presentación do curso terá lugar este mércores da man de Emilio Atrio, presidente do Consello Social, e Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus de Ourense. Posteriormente, Juan Manuel Corbacho, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Lalo Pavón, responsable da sección Galicia en La Región, e Xesús Álvarez, locutor de Onda Cero Ourense, impartirán sendos relatorios para afondar en temas como a comunicación verbal e universitaria e a imaxe do campus nos medios.
As sesións posteriores correrán a cargo de profesores da Universidade e profesionais de recoñecido prestixio como Milagros Asenjo, de ABC e Javier Gregori, profesor de xornalismo na Universidade Carlos III de Madrid, que porán os seus coñecementos ao servizo dos investigadores.
Finalmente, o 2 de xullo, tralas conferencias programadas, Alberto Gago, reitor da Universidade, Emilio Atrio e Juan Francisco Gálvez procederán á clausura do curso.