DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores 12 de maio a partir das 16.15 h en formato tanto presencial como virtual

Profesionais do xornalismo debaterán no campus sobre a información xurídica nos medios de comunicación

Con representantes de Faro de Vigo, La Voz de Galicia e Atlántico Diario

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
M. Del Río DUVI 10/05/2021

Para os xornalistas trasladar ás paxinas de información diaria e aos informativos certo tipo de contidos require dun proceso previo de tradución dunha linguaxe especializada a outra máis sinxela, que permita que a cidadanía comprenda o trasfondo das noticias. Un dos casos máis evidentes é o que se refire á información xurídica, que require a implicación tanto dos profesionais do dereito como do xornalismo para que os contidos sexan comprensibles para un público xeral. Conscientes deste reto que implica a ambas profesións, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo decidiu organizar este mércores unha xornada de debate sobre o xornalismo e os problemas xurídicos. Esta mesa redonda, na que participarán representantes de Faro de Vigo, La Voz de Galicia e Atlántico Diario, enmárcase na Aula de Formación Legal, un espazo “virtual” e multidisciplinar “que serve de punto de encontro entre a facultade e profesionais doutros ámbitos”, como explica o profesor do Departamento de Dereito Privado e vicedecano do centro, Xosé Manuel Pacho.

O decano da facultade, Francisco Torres, apunta que a idea de poñer en marcha esta mesa de debate xurde do seguimento diario da información xurídica que aparece nos xornais. “Ao leer noticias puntuais -ou o seguimento dos casos que fai nos xornais- comprendemos o enorme esforzo que supón transmitir de xeito claro e “dixerible” esta información especializada, tal e como fan as persoas relatoras convidadas día a día”, remarca. Neste proceso é tamén moi importante a implicación dos profesionais do Dereito, motivo polo que esta actividade quere que os estudantes deste eido coñezan a interacción que no seu futuro laboral poderán ter cos medios de comunicación. “É fundamental que as persoas que se forman nas Ciencias Xurídicas saiban comunicar de forma sinxela cuestións e problemas xurídicos, e que comprendan que o seu desempeño futuro se vai desenvolver comunicando a persoas, clientes e cidadáns que non teñen por que ter esa formación xurídica”, puntualiza Xosé Manuel Pacho.

Experiencia en primeira persoa

Para coñecer de primeira man o traballo dos xornalistas que se dedican á información xurídica e os problemas cos que se enfrontan cada días, os participantes nesta xornada poderán debater con Lara Graña, de Faro de Vigo; José Manuel Pan, de La Voz de Galicia e Ana Pastor, de Atlántico Diario. O obxectivo é, explica Pacho, “facer unha reflexión sobre a relación que se establece entre o xornalismo e o dereito, como observa a cidadanía os problemas xurídicos e como os propios operadores xurídicos reciben a información que se dá sobre asuntos que, en ocasións, son dunha alta complexidade técnica”.

Asume o docente que os medios de comunicación teñen “o hándicap de ter que afrontar unha gran diversidade de temáticas, e cando se achegan aos procesos xudiciais adoitan facelo con limitación de tempo e de espazo, o que impide ás veces unha comprensión axeitada deses procesos; comprensión, ademais, que está condicionada por quen comunica esa información aos medios, defensas, acusacións, tribunais, etc.”

Neste sentido, consideran de grande importancia que na etapa formativa, tanto os estudantes de Ciencias da Comunicación como os de Dereito teñan formación específica. O estudantado de xornalismo cursa actualmente materias xurídicas dentro do Plan de Estudo, aínda que Pacho considera que esta formación “non é suficiente, en moitas ocasións, para enfrontarse a comunicar os temas xurídicos que chegan aos medios”. Neste contexto, que o proceso comunicativo sexa exitoso depende “do bo facer particular dos xornalistas que tratan estes temas” e da capacidade dos profesionais do Dereito de trasladarlles estes contidos xurídicos. 

O debate arranca ás 16.15 horas e está aberto tanto á comunidade universitaria como a persoas alleas á mesma. Poderá seguirse de xeito presencial no salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo ata cubrir a capacidade da sala (15 persoas) reservando a través de decanatoxurídicas@uvigo.es. A xornada tamén se retransmitirá a través de Campus Remoto: https://campusremotouvigo.gal/access/public/meeting/3087251540  Acceso estudantado: Cru3YNgY