DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É o único estranxeiro nun proxecto de investigación liderado pola Universidade Nova de Lisboa

O profesor Alberto Pena participa na elaboración da primeira historia do xornalismo portugués

Coordinou un libro sobre a prensa lusófona no mundo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Publicacións
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 01/07/2022

Elaborar a primeira historia do xornalismo portugués. Ese é o obxectivo de Para uma história do jornalismo em Portugal, un proxecto de investigación financiado pola Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía (FCT) do Goberno luso que, baixo a coordinación da Universidade Nova de Lisboa, reúne no seu equipo de investigador 22 especialistas de oito institucións académicas portuguesas, aos que se suma o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da UVigo Alberto Pena, o único estranxeiro que forma parte do equipo de traballo dun proxecto que se pechará neste 2022 deixando como balance a publicación, entre outros, dunha decena de libros en formato dixital que afondan en múltiples aspectos da historia do xornalismo en Portugal e en portugués, poñendo o foco en diferentes medios de comunicación e etapas históricas.
 
Coordinado polos investigadores do Instituto de Comunicaçao da Nova (Icnova) Jorge Pedro Sousa e Carla Baptista, trátase dun proxecto financiado con preto de 240.000 euros pola FTC, que arrancou en 2018 e que se pechará neste mes de setembro cun congreso en Lisboa dirixido a presentar os resultados dos traballos realizados ao longo destes catro anos. “É un proxecto moi ambicioso, que pretende facer unha historia do xornalismo en Portugal, porque aínda non estaba feita”, salienta Pena, que explica que, pese a que existen “evidentemente, moitos traballos sobre este tema”, non se dispuña ata a data dunha “historia cronolóxica, temática e interdisciplinar, que buscase abordar un conxunto de fenómenos da maneira máis ampla posible”. 

O xornalismo en portugués no mundo

Entre os obxectivos do proxecto figuran nese senso a construción dunha historia, “cronolóxica e narrativa”, do xornalismo portugués, “que teña en conta os aspectos normativos, políticos, económicos e culturais que condicionaron o seu desenvolvemento”, así como reunir exemplos que “documenten a evolución das prácticas e o discurso xornalístico” neste país e analizar a súa influencia na sociedade lusa, segundo se recolle no seu texto de presentación. Nese marco, o proxecto buscou ir máis aló dos medios do Portugal continental para achegarse tamén aos creados nas antigas colonias ou aos impulsados por comunidades de emigrantes e exiliados en diferentes partes de mundo. Neste ámbito en concreto insírense as achegas do profesor do campus pontevedrés, que nos últimos anos centrou o seu labor investigador na historia das publicacións impresas impulsadas nos Estados Unidos pola comunidade portuguesa. 

“Dada a miña liña de investigación, o meu traballo centrouse no fenómeno xornalístico lusófono no mundo”, salienta o investigador, que se encargou de coordinar un volume “que intenta aproximarse ao xornalismo portugués nos diferentes continentes, tanto durante a época imperial, como na etapa contemporánea”. Publicado en 2021, baixo o título de Para uma história do jornalismo portugués no mundo, Pena levou a cabo este traballo, que será o eixo dunha das mesas do congreso que o Icnova promove o 30 de setembro en Lisboa, xunto co profesor brasileiro António Hohlfedt, da Pontificia Universidade Católica do Río Grande do Sul. “Hohlfedt tiña traballos publicados sobre o xornalismo lusófono en África e Asia e parecíame a persoa adecuada para axudarme a coordinar a obra”, salienta. Coa participación de dez expertos e expertas de universidades portuguesas, brasileiras e francesas, a primeira parte deste libro céntrase no xornalismo luso en Europa, con estudos sobre as cabeceiras impulsadas polas comunidades de emigrantes en Francia ou sobre o papel da prensa política impulsada polos exiliados. Un segundo bloque aborda os medios impulsados polas principais comunidades lusas en América, establecidas no Brasil e nos Estados Unidos, pondo o foco tanto na súa “función socieducativa”, como no uso propagandístico dos xornais brasileiros durante a ditadura do Estado Novo. A terceira parte desta publicación detense na historia dos xornais en lingua portuguesa das antigas colonias de Angola, Cabo Verde, Mozambique e Goa, mentres que a cuarta aborda a influencia deste tipo de cabeceiras en Oriente, abranguendo desde a súa orientación próxima á política xeoestratéxica de EEUU e Reino Unido no século XIX ao papel que que xogaron durante o chamado “período de transición” da antiga colonia de Macau, na China. 

Diferentes traballos afondan nunha liña de investigación

Xunto a este volume, outra das principais achegas de Pena ao proxecto foi o libro Comunicar en la diáspora. Prensa, periodismo, radio, exilio y propaganda entre los inmigrantes portugueses en Estados Unidos (1877-1950), editado recentemente por Comares, e no que propón unha “visión panorámica” sobre a comunicación da “comunidade luso-americana” nos EEUU, dando continuidade a unha liña de investigación que previamente levouno a dar forma á primeira historia da prensa portuguesa nos EEEUU, o libro News on the American Dream, editado en 2020 polo selo da Universidade de Massachusetts Tagus Press. A estes dous volumes, explica, foron sumándose diferentes artigos en revistas científicas, con novas aproximacións ao estudo dos medios de comunicación portugueses neste país, como a análise sobre a “campaña anticomunista” realizada polo semanario de Nova Inglaterra Portuguese Times durante as eleccións de 1975 no país veciño, que nas últimas semana publicaba na revista da Asociación Española de Investigación de la Comunicación.  

Así mesmo, Pena participou tamén con diferentes artigos nos tres volumes resultado dos congresos internacionais impulsados no marco deste proxecto. Alén destes libros, está prevista a publicación nestes meses doutros volumes en acceso aberto, “que realizan abordaxes temáticas do fenómeno do xornalismo portugués en diferentes medios e contextos”, pondo o foco, como lembra Pena, en temáticas como a historia da radio, da prensa ilustrada ou do xornalismo político.