Releva no cargo a Roberto Ignacio Fernández
O profesor Alberto Vaquero, novo director do Campus Auga
O reto máis inmediato que afronta é a reacreditación desta especialización por parte da Xunta
O profesor Alberto Vaquero é o novo director do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. Relevando no cargo a Roberto Ignacio Fernández, o novo responsable asume con ilusión e ganas a dirección dun Campus Auga que, afirma, “ten que ser o selo de calidade para o noso campus de Ourense”.
Dirixir este campus de especialización, sinala Alberto Vaquero, “é un reto moi importante para calquera e espero que grazas ao traballo de todos os que formamos parte deste ilusionante proxecto, academos o mellor para el”. Neste senso, apunta que “eu son un xogador de equipo e dende logo teño claro que só aportando entre todos e todas se logran bos resultados”.
Dilatada traxectoria na UVigo e no Campus Auga
Alberto Vaquero é profesor titular de Economía Aplicada na UVigo, doutor en Ciencias Económicas e Empresariais e Mestrado en Economía. Imparte docencia de grao, mestrado, doutoramento e Programa Universitario de Maiores tanto no campus de Ourense como no de Vigo. É investigador do Departamento de Economía Aplicada, membro do grupo GEN (Governance, Economic and Nature), grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia, e do centro de investigación interuniversitario Ecobas (Economics and Business Administration for Society). Foi profesor en varias universidades da Comunidad de Madrid e traballou como asesor especializado no Consello Económico e Social de España e no Gabinete da Ministra de Educación e Ciencia.
Nesta traxectoria tamén destaca a súa participación ao longo dos anos no desenvolvemento do Campus Auga. “Xa no primeiro mandato do ex-reitor Salustiano Mato, participei, como director da Área de Descentralización do campus de Ourense, no primeiro plan estratéxico do que agora é o noso campus de especialización”, comenta Alberto Vaquero. Tamén formou parte da comisión científica do proxecto, como secretario, onde se definiron as súas liñas estratéxicas, e do seu comité executivo, durante a dirección de Enrique Barreiro e Nelson Pérez. Nos últimos anos foi o vogal de transferencia e emprendemento no comité de dirección, sendo director do Campus Auga Roberto Ignacio Fernández. “Con todos eles e cos diferentes vicerreitores e vicerreitoras do campus de Ourense (María Lameiras, Virxilio Rodríguez, Esther de Blas, Elena Rivo e Francisco Javier Rodríguez Rajo) aprendín moito”, sinala respecto a esta participación no proxecto. Sobre o seu nomeamento agora como director do Campus Auga, Alberto Vaquero destaca que “agradezo a confianza depositada pola reitora Carmen García Mateo e moi especialmente pola vicerreitora do campus de Ourense, María Montserrat Cruz, para desenvolver este proxecto. Dende logo, eu creo nel, e estou seguro do seu éxito”.
Retos e prioridades
Sobre a entidade que pasa a dirixir, Alberto Vaquero subliña que “en menos de 13 anos avanzamos moitísimo. Os que imos cumprindo anos nesta Universidade somos testemuñas de que todos os equipos reitorais dedicaron tempo e esforzo ao seu desenvolvemento”. Nesta evolución, destaca como o Campus Auga “tivo un importante desenvolvemento dende que foi acreditado como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia”. A dotación achegada pola Xunta de Galicia para este período 2024-2027, detalla, superou os tres millóns de euros e ese investimento posibilitou accións de docencia, investigación e transferencia durante os últimos tres anos, levándose a cabo “un abano de actividades moi completa e de calidade”. Así, enumera, “puidéronse resolver prazas de investigadores predoutorais e postdoutorais, premios de investigación, transferencia e innovación, de desenvolvemento de transferencia, varios congresos, mercáronse infraestruturas, aprobáronse bolsas de mobilidade, programas de formación para o persoal docente e de investigación e axudas para a internacionalización”. Grazas a esta acreditación, engade, fomentouse a especialización do campus de Ourense. “O traballo feito nestes anos foi moito e moi bo e agardamos continuar este labor tras superar a reacreditación do Campus Auga nos próximos meses”, afirma o responsable académico.
Para o mandato que se abre agora, Alberto Vaquero sinala que “o reto más importante, o que é a nosa prioridade número un (e digo a nosa prioridade porque isto debe ser una aposta conxunta por todo o campus de Ourense en particular e para a Universidade de Vigo en xeral) é conseguir a reacreditación do Campus Auga como campus de especialización do Sistema Universitario Galego”. Amosando a súa confianza na superación desta reacreditación, apunta que “dende logo os excelentes resultados dos últimos anos son boa mostra de todo o que se fixo”.
Máis aló deste horizonte a curto prazo, Alberto Vaquero explica que tamén aposta por fomentar no Campus Auga unha maior colaboración entre as súas actuacións, tanto as chamadas liñas de especialización (alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión do auga termal), como nas áreas de soporte (intelixencia artificial, economía circular e lexislación agroalimentaria e medio ambiental). “De feito, na nova proposta de plan estratéxico do Campus Auga, que será avaliada en breve, queremos abrir máis todas estas liñas para potenciar a auga, como elemento aglutinador do noso campus de especialización”, afirma. A investigación, a transferencia e a docencia de calidade, apunta o novo director, “pasan por ser multidisciplinares e neste campus temos moi bo persoal docente e persoal investigador que vén aportando o seu traballo para acadar excelentes indicadores en todos este eidos. Con todo, é necesario fomentar máis esta interrelación”. Igualmente, adianta o desexo de “mellorar as colaboracións con outros campus de especialización, una actividade que xa estamos comprometidos dende o primeiro minuto en que fomos nomeados, e coas empresas e institucións públicas e privadas. O interese por colaborar co Campus Auga é total”.
