DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Escrita polos biólogos alemáns Klaus Richarz e Bruno P. Kremer

O profesor Carlos Garrido traduce ao galego unha das principais novidades editoriais de divulgación científica

Editada por Laiovento, a obra acaba de pórse á venda nas librarías

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Lingua Galega
  • Académica
DUVI 07/12/2018

O profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Carlos Garrido acaba de traducir ao galego unha das principais novidades editorias de divulgación científica xurdidas en Europa nos últimos anos. O libro Organismische Rekorde (Springer, 2017), escrito polos biólogos Klaus Richarz e Bruno P. Kremer, chega agora a o mercado galego editado por Laiovento e baixo o título Recordes dos Seres Vivos. Anaos e Gigantes, das Bactérias aos Vertebrados.

“Trátase dunha obra formativa e accesible a un público moi amplo”, explica Garrido, profesor especializado en tradución científico-técnica, quen destaca este dato “dada a carencia de materiais de divulgación científica traducidos ao galego”. A través de 325 páxinas Recordes dos Seres Vivos fai todo un percorrido literario no que se presenta “de xeito sorprendente e curioso a fascinante adaptación dos organismos ao seu medio e a impresionantemente rica, e cada vez máis ameazada, diversidade da vida”, explica Garrido, quen na actualidade exerce tamén o cargo de presidenta da comisión lingüística da Asociación de Estudos Galegos (AEG). 

“Redactado de maneira atraente, moi amena e ata con certas doses de humor e ironía”

Seguindo a clasificación sistemática dos organismos, o libro organízase en cinco apartados: arqueontes e bacterias, protistas, fungos, plantas e animais. Se ben nunha primeira ollada, o repaso por estes principios vitais básicos pode parecer complexo ou de dificultoso entendemento, o tradutor aclara que aínda que a lectura sexa algo máis esixente nos capítulos dedicados ás bacterias e aos protistas, “xa que o cidadán medio non acostuma estar familiarizado con estes grupos de organismos”, en xeral, é un texto destinado a un público amplo, non especialista en bioloxía”, ao que engade que, “ademais, está redactado de maneira atraente, moi amena e ata con certas doses de humor e ironía”. 

Así, con esta obra, as e os lectores poderán gozar de maneira “rigorosa e amena” dun mundo de multiciplidade, exuberancia e fascinación de biodiversidade que grazas a todas estas características se encadra, “como un óptimo representante”, no subxénero do ‘infotenemento’, unha particular mestura de información e entretemento.

Un libro co que encher “unha lamentable lagoa cultural”

O libro non é particular só polo seu xénero e temática, senón tamén polo seu nivel lingüístico. Verteuse dende o alemán, un vehículo de expresión moi potente no ámbito cultural e científico –“pero que en moitas ocasións é esquecido en favor doutras linguas máis populares”-, ao galego, un idioma “cunha lamentable lagoa cultural” no ámbito da divulgación científica. Neste contexto o traballo de Garrido non se pode definir coma unha simple tradución, senón que constitúe todo un acontecemento sociocultural e sociolingüístico, xa que engade un exemplar de divulgación científica en galego a un mercado no que a oferta non supera, segundo Garrido, os cinco títulos. “É un numero verdadeiramente ridículo para unha lingua cun estatus social e un recoñecemento legal como o que ten o galego”, salienta o tradutor, ao que engade que isto “patenta o escaso avance sociolinguistico experimentado polo galego nos últimos tempos e o escaso compromiso do poder político coa promoción da lingua autoctona de Galicia”. 

Consciente desta realidade, o experto pretende con esta publicación “contribuir ao enriquecemento cultural dos galegos e servir de modelo e estímulo para posteriores emprendementos nesta área”.

Pensando no público luso-brasileiro

Recordes dos Seres Vivos verteuse a un galego “nom secessionista”, unha elección que non foi lixeira, senón meditada por un tradutor que tivo en conta que deste modo “se garante un galego xenuino e de caracter internacional no referente á variedade galega da lingua galego-portuguesa” o que posibilita, apunta Garrido, “unha plena rexeneración formal e funcional e unha efetiva emancipación da lingua respecto ao castelán”.  

Con todo, e a fin de contribuír á difusión internacional da obra, o tradutor incluiu tamén algunhas notas a pé de páxina cos equivalentes lusitanos e brasileiros daquelas palabras galegas empregadas no texto que difiren entre variedades, tendo en conta tamén que a lingua empregada “é unha lingua de calidade, na que se recuperan e usan con corrección trazos expresivos tradicionais e se incorporan neoloxismos de forma constante en harmonía co luso-brasileiro”. Un idioma, o luso-brasileiro, que é ademais unha referencia de cultura e que ten un espazo de importancia no ámbito do ensino e da divulgación científica.