DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Editada polo Igadi, reúne investigadores das tres universidades no seu consello de redacción

O profesor Celso Cancela, novo director da revista de análise internacional ‘Tempo Exterior’

A nova etapa da publicación arrancou cun monográfico sobre o Brexit

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Publicacións
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 30/09/2020

“Reflexionar en clave internacional para ofrecer criterio e coñecemento que promovan o progreso da sociedade galega” constitúe, como sinala o profesor Celso Cancela, o propósito fundamental de Tempo Exterior, a revista que desde 1997 edita o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) e que inicia unha nova etapa baixo a dirección deste docente da Área de Ciencia Política e da Administración. Un número centrado nos efectos do Brexit abre a “terceira etapa histórica” da publicación fundada polo presidente de honra do Igadi, Xulio Ríos, marcada tamén pola incorporación de investigadores e investigadoras das tres universidades galegas ao seu consello de redacción. 

Como un “desafío profesional” recibe o investigador do Observatorio da Gobernanza G3 esta encomenda, que inicia co “reto de darlle continuidade” ao labor desenvolvido por Ríos á fronte desta revista, xa que “manter unha publicación como esta durante máis de 20 anos ten un mérito extraordinario”. Nese senso, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación sinala como obxectivo combinar a “introdución gradual de certos cambios que melloren a calidade e o posicionamento da revista nos índices de impacto”, co mantemento da “marca de identidade” de Tempo Exterior, a abordaxe de temáticas de carácter internacional, tratando de “achegalas á Galicia e a como nos poden afectar”. Cancela incide así mesmo no positivo do reforzo dos vínculos do Observatorio da Gobernanza “cunha institución cunha traxectoria histórica como o Igadi”, coa que organiza conxuntamente o Congreso de Estudos Internacionais de Galicia,  así como o feito de que Tempo Exterior poida servir como “un altofalante” para os traballos do grupo no eido das relacións internacionais. 

Reforzando o carácter científico da publicación

Un dos cambios introducidos foi a renovación do seu consello científico, que integran 25 investigadores e investigadoras de Europa, América e China, e do seu consello de redacción, do que forman parte, entre outros, os investigadores da Universidade de Vigo Iolanda Galanes, do grupo BiFeGa, e Álvaro López Mira, do Observatorio da Gobernanza, grupo do que tamén forma parte a nova secretaria editorial da revista, Paula Lamoso. Nese senso, esta terceira etapa da revista “procura unha maior conexión coa universidade galega e internacional”. que, como sinala o director do Igadi, Daniel González Palau, era unha das “liñas de traballo transversal” fixadas no “plan estratéxico para o relevo xeracional” no instituto. 

Este plan, engade González Palau, tiña como obxectivo “consolidar os estudos internacionais en Galicia desde un traballo interdisciplinario e en rede con grupos de investigación das tres universidades”, no que se insire á súa vez a renovación dunha revista coa que buscan combinar “sermos capaces de dar continuidade a ese espectacular legado” coa mellora “naqueles ámbitos nos que existe capacidade de avanzar”. Con ese propósito, ademais de cambios "en aspectos formais" e de convertela nunha publicación de libre acceso a través da web do Igadi, un dos obxectivos "a medio prazo" será o de tratar de mellorar a posición de Tempo Exterior nas bases de datos de revistas científicas, buscando así de potenciar “a compoñente científica” da revista “sen renunciar a súa vocación divulgativa”. Con ese propósito, poranse en marcha chamadas á publicación de artigos que permitan “atraer novos investigadores e investigadoras”, engade Cancela.

Números cun núcleo temático

Ao longo da súa traxectoria, lembra González Palau “era tradición acoutar unha ou dúas temáticas centrais en cada número”, un aspecto que pasará a reforzarse coa elección dun tema central para cada número. Así aconteceu no caso do 40, o primeiro dirixido por Cancela, que exerceu tamén como coordinador do monográfico. A saída do Reino Unido da Unión Europea, que “semellaba que ía monopolizar a atención mediática durante varios meses”, antes da crise da covid-19, é abordada desde as perspectivas xeopolítica, institucional ou ideolóxica, ademais de poñendo o foco en “como pode afectar a Galicia”, nun número no que participan tanto investigadores e investigadoras das universidades galegas como de Portugal, Escocia e Estonia.

Seguindo esta liña, outro dos cambios propostos é “ir encomendando a persoas cun grao de especialización na temática que se decida por parte do consello de redacción”, a coordinación de cada número, no que a parte monográfica combinarase, explica Cancela, cun bloque con artigos non directamente relacionados con esta, “pero que por motivos de actualidade consideramos necesario publicar”, xunto cun apartado dedicado a recensións de libros.