DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Centrada en garantir a sustentabilidade na xestión dos bosques e na transformación da madeira

O profesor Enrique Valero, novo presidente da asociación de certificación forestal PEFC Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 19/06/2020

Garantir, a través do selo que emiten, que tanto a xestión forestal como a posterior transformación por parte da industria dos produtos procedentes dos bosques se realiza seguindo unha serie de criterios de sustentabilidade é o propósito central do labor que desenvolve a Asociación Galega Promotora de Certificación Forestal PEFC Galicia, que acaba de elixir como novo presidente ao profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Enrique Valero. Propietarios e xestores de montes, representantes da industria transformadora e doutra serie de colectivos, como usuarios dos montes, ecoloxistas, gandeiros ou cazadores, forman parte desta asociación fundada no ano 2003 e integrada á súa vez na alianza internacional de sistemas de nacionais e rexionais certificación forestal PEFC (Programme for the Endorsement of Forest Certification). 

Valero, que na década de 1990 foi un dos promotores deste sistema internacional, “baseado nos criterios e indicadores de xestión forestal sostible da Conferencia de Helskini” e que conta a día de hoxe con máis de 326 millóns de hectáreas certificadas no mundo, salienta nese senso a importancia de que a EE Forestal forme parte, desde os seus inicios, dunha asociación centrada “en promover a xestión forestal sostible a través dunha verificación independente de terceiros”. Na asemblea xeral celebrada este xoves, a súa candidatura a presidir a asociación durante os próximos catro anos recibiu o apoio unánime dos asociados, completando a nova xunta directiva Roberto Pereira, representante da Organización Rural Galega Agroforestal, e Patricia González, representante do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, como vicepresidente primeiro e vicepresidenta segunda. 

A certificación como un valor engadido

O sistema PEFC, explica Valero, certifica que a xestión forestal “faise segundo uns criterios indicadores” que garanten “que os bosques están sendo xestionados dunha maneira sostible e que os produtos que deles se extraen son renovables e reciclables”. Ao mesmo tempo PECF tamén certifica toda a “cadea de custodia desa materia prima” ata a súa conversión en múltiples tipos de produtos derivados da madeira. Deste xeito, constitúe unha vantaxe “en primeiro termo, para a sociedade en xeral” ao achegar aos consumidores unhas garantías respecto de que a explotación forestal e os procesos industriais derivados desta se levan a cabo seguindo unha serie de “requisitos ambientais, sociais e económicos”. Ao mesmo tempo, contribúe “á profesionalización” do labor dos propietarios e xestores de explotacións forestais, que deben “seguir unha serie de procedementos”, á vez que “incrementa o prezo de venda” tanto da súa materia prima como dos produtos xerados pola industria a partir desta. De aí que Valero poña o acento na importancia, de cara ao futuro do sector, terá a certificación forestal e poña de relevo que “actualmente só ao redor do 10% dos montes do mundo están certificados baixo un selo de xestión sostible”. 

Preto de 200.000 hectáreas en Galicia

Xunto Cataluña e Euskadi, Galicia é unha das tres autonomías que conta cunha delegación propia da PEFC, e actualmente un total de 196.437 hectáreas, de máis de 30.000 propietarios forestais, contan na comunidade co certificado PEFC. No referido á transformación da madeira, existen en Galicia 231 certificados a procesos industriais e 453 a instalacións, que supoñen no seu conxunto preto do 30% das certificacións emitidas en España nestes ámbitos. A este respecto, Valero apunta entre os seus obxectivos, trala asemblea deste xoves, o de dar “un maior impulso” e difusión á importancia de “garantir a aplicación dunha xestión forestal sostible nos montes galegos”, tratando de incrementar a superficie certificada a pesares das dificultades que supón a este respecto “a pequena propiedade”. Do mesmo xeito, e tendo en conta que produtos alimenticios ou roupa realizada con fibras naturais derivadas da madeira contan xa co selo PEFC, o investigador salienta tamén como obxectivo fomentar “a certificación de produtos forestais non madeirables, como froitos, mel ou resina”.