DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O docente sitúase á fronte da coordinación dos traballos para a creación do novo centro

O profesor Enrique Varela, nomeado decano comisario da futura Facultade de Dirección e Xestión Pública

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 04/11/2020

O pasado 16 de outubro o Claustro da Universidade Vigo aprobaba instar ao Consello de Goberno a iniciar o expediente de creación da nova Facultade de Dirección e Xestión Pública, un centro que albergaría tanto o Grao en Direccion e Xestión Pública como o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, que actualmente se imparten na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Tratábase do primeiro paso dun proceso que se encargará de coordinar o profesor da Área de Ciencia Política e da Administración Enrique Valera, que vén de ser nomeado decano comisario do futuro novo centro do campus pontevedrés, que compartiría edificio con CCSS e da Comunicación.

Tras aprobar o Claustro o inicio de expediente, a proposta das comisións académicas do grao e do mestrado, a creación desta facultade deberá ser aprobada polo Consello de Goberno e polo Consello Social da Universidade, para logo acadar tamén a aprobación do Consello Galego de Universidades; un proceso que, segundo explicou Varela, podería completarse “ao longo do primeiro semestre do vindeiro ano”. Coordinador do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3, o novo decano comisario mantivo nesta xornada unha xuntanza co reitor, Manuel Reigosa, trala que agradeceu o apoio ao proceso do equipo de goberno da institución académica.

Converterse nuhna referencia na docencia virtual

A proposta de creación desta facultade, sinala Varela, busca dar continuación “a un proceso moi longo, no que levamos traballando moitos anos e que é o de converternos nun referente, galego e español, no ámbito da dirección pública, así como na docencia virtual”. Nese senso, o decano comisario lembra que, trala “experiencia vivida nos últimos anos coa modalidade semipresencial”, o grao incorporou no presente curso unha modalidade virtual, a primeira que se implanta dentro do sistema universitario galego, que contribuirá a “consolidar estes estudos e levalos fóra do seu ámbito xeográfico”, tendo ademais como referencia a experiencia acumulada neste eido polo mestrado en Dirección Pública e Liderado Institucional, que se imparte de xeito virtual desde a súa creación. “A pesares de que seríamos unha entidade pequena, penso que se podería facer algo moi innovador, con alumnos de Galicia e de España, pero tamén de América Latina”, subliñou. Para Varela, a creación desta facultade, que deberá levarse a cabo “nun ambiente de absoluta cooperación” coa Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e “con moi pouco custo, porque non vai supor a creación de novas infraestruturas”, debería así mesmo contribuír a “desenvolver un perfil moi necesario en España, o de directivos e xestores públicos”.