DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do "Celebrating Tagore in the 21 st Century"

O profesor José Paz aborda nun seminario internacional na India a relación de Tagore co mundo hispano

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 27/03/2008

Tagore and the Hispanic World é o título do relatorio que o vindeiro 29 de marzo impartirá o profesor José Paz no seminario internacional Celebrating Tagore in the 21 st Century que se celebra ata o 30 de marzo en Nova Dheli e no que participan especialistas na obra do escritor hindú procedentes dos cinco continentes.
“Na miña intervención centrareime en como Vicente Risco introduciu a Tagore en España, falando del por primeira vez no Ateneo de Madrid e logo traducindo contos e poemas para revistas como La Centuria de Ourense, A Nosa Terra e Nós”, explica José Paz que ven de pronunciar esta mesma semana varios relatorios na Universidade de Goa.
Na súa intervención do vindeiro sábado o profesor do departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, falará tamén de Telo de Mascarenhas o tradutor de Tagore ao portugués, así como de outras persoas vinculadas ao escritor como a poetisa brasileira Cecilia Meirelles, a arxentina Victoria Ocampo e os premios Nobel de Literatura Gabriela Mistral e Pablo Neruda quen dedicou un poema a Tagore na súa obra 20 poemas de amor y una canción desesperada.

O Leonardo da Vinci do século XX

Educador, escritor, pintor, músico, xornalista, filósofo.... foron algunhas das actividades desenvolvidas por Tagore ao longo da súa vida e que fan del, segundo José Paz “o Leonardo da Vinci do século XX. Ademais defendía na teoría e na práctica os principios de: bondade, verdade e beleza, así como a relación cultural entre Oriente y Occidente”.
Precisamente este carácter multifacético de Tagore estase a poñer de manifesto no encontro internacional que desde hoxe se celebra en Nova Dheli e no que xunto aos relatorios non faltarán as actuacións musicais e as exposicións, e incluso exhibicións culinarias.
“Trátase de ofrecer aos participantes unha visión o máis completa de Tagore, así como a súa relevancia no resto do mundo e máis concretamente en países de Latinoamérica, Francia ou a Península Ibérica”, afirma Paz para quen “ no mundo actual que sofre una importante perda de valores, sobre todo en occidente, sería moi bo recuperar o pensamento de Tagore e difundilo, especialmente entre a xente máis nova”.

Incesante actividade en torno a Tagore

Posuidor dunha biblioteca dedicada a Tagore composta por más de 35000 volumes, con libros en todos os idiomas e moitas primeiras edicións, esta é a primeira vez que José Paz participa neste congreso. Sen embargo desde 2001 viaxa á Universidade de Tagore en Santiniketon, onde permanece períodos de dous meses, ao tempo que participa en congresos internacionais e outros actos como a apertura da Casa da India de Valladolid.
“Neste momento estou preparando a que será primeira edición completa dos artigos educativos de Tagore en castelán e galego”, apunta Paz que o vindeiro mes de xullo dirixirá na Casa da India de Valladolid unha escola de verán para profesores centrada na didáctica e pedagoxía tagoreanas.
Pero máis ala destes proxectos, Paz recoñece que a súa maior ilusión sería “ crear en Santiniketon, con axuda das institucións que queiran colaborar, un centro cultural de intercambio de estudantes e profesores galegos, portugueses e do resto de España”.