DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto celebrado este venres no salón de plenos da Deputación

O profesor José Paz recibe, a título póstumo, a Medalla de Ouro da provincia de Ourense

A laudatio correu a cargo do catedrático da UVigo Iván Area

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 13/01/2023

Este venres, o salón de plenos da Deputación de Ourense acolleu a celebración da entrega, a título póstumo, da Medalla de Ouro da provincia de Ourense ao que foi profesor da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense José Paz. En nome da familia, o fillo do homenaxeado David Paz, amosou a súa gratitude ás persoas e entidades que impulsaron e se adheriron a este recoñecemento, que, dixo, é “un acto de xustiza”.

O acto, presidido por Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, contou coa asistencia dos membros do pleno desta institución; da familia do homenaxeado; de amigos seus, como Isaac Alonso Estraviz; de representantes de entidades da provincia e tamén de membros da comunidade universitaria, como Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense. Na súa intervención, Manuel Baltar destacou que José Paz foi “un insigne ourensán, representativo da primeira xeración de posguerra”, que, salientou, “consagrou a súa vida ao ensino e á investigación”, ademais de ser un erudito recoñecido en temas como o escritor Rabindranath Tagore.

Laudatio

A laudatio do homexaneado, falecido en 2021, correu a cargo de Iván Area, catedrático da Universidade de Vigo e amigo do homenaxeado e da súa familia. “Este máis que merecido recoñecemento ao profesor Paz só debe ser un punto e seguido no estudo da súa traxectoria vital e intelectual”, destacou. Ao longo da súa intervención, o profesor fixo un repaso desde o humano e o profesional pola figura “do noso querido José Paz Rodrígues”. Nado en Corna, no concello de Piñor, o 12 de abril de 1948, o homenaxeado, lembrou Iván Area, tiña un carácter polifacético e caleidoscópico que lle permitiu abranguer unha enorme cantidade de  temáticas. “Calquera delas podería ser froito de horas de exposición. Desde a miña perspectiva, un xeito de definir a súa traxectoria vital é a dun galeguista universal e enciclopédico, un herdeiro da Xeración Nós”, dixo.

Tras estudar Maxisterio e Pedagoxía e realizar a súa tesina sobre A Benposta de Ourense no ano 1973, José Paz foi profesor desde ese ano na Escola Normal de Ourense e logo na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB ata a incorporación desta escola na Universidade de Vigo, no que hoxe é a súa Facultade de Educación e Traballo Social, onde se xubilou como profesor no ano 2010. Alén desta traxectoria académica, José Paz, detallou Iván Area, foi membro desde os seus inicios da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, constituíu a Associação Sócio-Pedagógica Galego-Portuguesa e “como profesor universitario foi moi activo en actividades educativas e de renovación pedagóxica”. Ademais, engadiu, “como galeguista universalista, foi un firme defensor do reintegracionismo, xa desde os anos 70 do século XX”.

Tamén houbo tempo no acto celebrado este venres para lembrar do homenaxeado o seu compromiso político a súa paixón polos libros, tendo unha colección de arredor de 30.000 ou 36.000 volumes. “Froito desa dedicación, compilou unha excelsa biblioteca sobre Tagore, posiblemente unha das maiores do mundo, pola que tanto loitou para que permanecese en Ourense”, indicou Iván Area. Entre outros moitos aspectos, igualmente destacouse o papel do homenaxeado como un dos impulsores do cineclubismo en Ourense e en Galicia, do Ourense lúdico e mesmo da festa dos Maios.