DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Anthony J. Hornfeck Award outórgao, dende 1979, a IEEE Industrial Electronics Society

O profesor Rodríguez Andina, galardoado polas súas achegas ao desenvolvemento e difusión da Electrónica Industrial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Investigación
M. Del Río DUVI 09/07/2020

O Institute of Electrical and Electronic Engineers (IEEE) é a maior asociación profesional tecnolóxica mundial, con máis de 400.000 membros en todo o planeta. O seu traballo estrutúrase en ‘sociedades’, cada unha delas centrada nun eido temático específico. Unha destas sociedades, a IEEE Industrial Electronics Society, acaba de recoñecer a excelencia académica e investigadora do profesor Juan José Rodríguez Andina, do Departamento de Tecnoloxía Electrónica da Universidade de Vigo co Anthony J. Hornfeck Award. Segundo explica o docente, este premio pon en valor “a investigadores que realizasen achegas especialmente relevantes para o desenvolvemento e difusión da Electrónica Industrial” e engade que se trata dun galardón “de gran prestixio en este ámbito, que a IEEE Industrial Electronics Society outorga dende 1979”. 

O docente da Escola de Enxeñería Industrial apunta que no seu caso, este premio responde ao seu labor en dous eidos. Por unha banda, como editor xefe de IEEE Industrial Electronics Magazine entre 2013 e 2015, “período no que a revista se situou nos primeiros postos dos ránkings internacionais de calidade”. De feito, en 2014, a publicación recibiu o Award of Excellence da Society for Technical Communications. Por outra banda, engade Rodríguez Andina, o premio tamén valora o seu traballo como vicepresidente responsable de congresos dede 2016. Neste tempo, relata, “incrementouse notablemente a participación nos eventos que organizamos, así como o impacto na comunidade científico-tecnolóxica das comunicacións presentadas nos mesmos”.

“Froito do traballo de moitos anos”

Rodríguez Andina acolle a distinción que lle outorga a IEEE Industrial Electronics Society (IES), “con gran satisfacción”, xa que son “colegas profesionais os que recoñecen o impacto das túas contribucións nas túas áreas de especialización”. Neste caso, remarca, o premio “é o resultado dun intenso traballo de moitos anos que deu resultados moi positivos, como reflexa a grande aceptación pola comunidade mundial de Electrónica Industrial das actividades de IES nas que estou involucrado”.

Respecto á entrega do premio, estaba prevista unha cerimonia en Singapur no mes de outubro, pero pola situación actual derivada da crise da covid-19, a organización decidiu adiala ata xuño de 2021, cando terá lugar en Kyoto, Xapón.

Ao servizo da industria moderna

A IEEE Industrial Electronics Society (IES) centra o seu labor en eidos fundamentais relacionados coa aplicación da enxeñaría eléctrica e electrónica na mellora dos procesos industriais. Segundo explica Rodríguez Andina, vicepresidente da sociedade ata decembro de 2021 tras ser reelixido en dúas ocasións, “as súas actividades enmárcanse nos ámbitos dos sistemas de control intelixente, robótica, automatización e comunicacións industriais, fabricación flexible, adquisición de datos e procesado de sinal, sistemas de percepción ou electrónica de potencia”. Con todo, este organismo, remarca o profesor, a IES actualiza continuamente as súas actividades “para adaptalas ás necesidades da industria moderna”.