DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O galardón distingue cada ano a seis investigadores novos

O profesor Xabier García acada o Premio de Investigación Matemática Vicent Caselles

Recoñecen a creatividade, a orixinalidade e o logro na súa área de traballo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Premios
  • Investigación
DUVI Ourense 24/06/2019

Xabier García, profesor da Universidade de Vigo, é un dos seis novos investigadores e investigadoras do campo das matemáticas que acaban de ser distinguidos cos Premios de Investigación Matemática Vicent Caselles. Os galardóns son outorgados pola Real Sociedad Matemática Española e a Fundación BBVA co obxectivo de apoiar e estimular aos novos profesionais que desenvolven o seu labor no campo da investigación matemática.

Os premios, nados en 2015, recoñecen a creatividade, a orixinalidade e o logro nas matemáticas das e dos galardoados durante os primeiros anos da profesión científica e tamén queren distinguir a investigadores e investigadoras cuxo traballo de doutoramento sexa “pioneiro e influente” na investigación internacional, para servir de estímulo ás e aos profesionais que desenvolven o seu labor na investigación matemática e favorecer a súa continuación. Na concesión dos galardóns destácase de Xabier García que “ten realizado achegas relevantes no estudo de diversas estruturas alxébricas e as súas propiedades categóricas e homolóxicas, especialmente a caracterización da variedade de álxebras de Lie usando unha propiedade puramente categórica. Tamén utilizou técnicas de álxebra computacional na clasificación das variedades homoxéneas conforme-Einstein en dimensión 4”.

“A verdade é que é un orgullo moi grande para min recibir este premio. Estou moi contento. Non o agardaba”, comenta o profesor. Con 28 anos, Xabier García salienta a súa satisfacción porque “se teñan en conta o traballo que levo feito ata o de agora no eido da álxebra”. Nesta traxectoria, o premio, engade o matemático, “supón un aliciente para seguir medrando”. “Espero que sexa o principio dunha carreira interesante”, indica o investigador, que apunta como “este tipo de incentivos externos que nos motiven e nos axuden a investigar, que é unha parte moi importante da vida universitaria, están moi ben”. Do galardón, Xabier García tamén recalca a importancia destes premios na súa área concreta de coñecemento, pois, lembra, “moitas veces déixase de lado neste tipo de iniciativas ás matemáticas, porque a súa utilidade non é tan visible como outras áreas da ciencia, pero as matemáticas son moi importantes e non se poden deixar atrás”.

Investigar, viaxar, conversar

García Martínez é graduado en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en 2017 cunha tese sobre métodos categórico-alxébricos dirixida por Manuel Ladra, catedrático da USC, e Tim Van der Linden, da Université Catholique de Louvain. Desde setembro do pasado ano é profesor axudante doutor no Departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo, impartindo clases na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, ademais de na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra. O seu curriculum tamén inclúe ter realizado estadías de investigación en universidades de Bélxica, Sudáfrica e China, recalcando a súa paixón “por investigar, por viaxar e por conversar con matemáticos de todo o mundo”.

O xurado dos Premios de Investigación Matemática Vicent Caselles é nomeado pola Fundación BBVA e a Real Sociedad Matemática Española, estando nesta edición composto por José Bonet, editor xeral da Real Sociedad Matemática Española e catedrático do Departamento de Matemáticas Aplicadas da Universidad Politécnica de Valencia; Joan Elías García, reitor da Universitat de Barcelona; Elena Fernández, do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidad de Cádiz; Eugenio Hernández, catedrático de Análise Matemática na Universidad Autónoma de Madrid; Henar Herrero, catedrática de Matemática Aplicada da Universidad de Castilla La Mancha; e Manuel de León, profesor de Investigación do Instituto de Ciencias Matemáticas do CSIC.