DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras gañar as eleccións na ETSE de Telecomunicación

A profesora Edita De Lorenzo convértese na primeira directora dunha enxeñaría en Galicia

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 26/02/2009

Con 62 votos a favor e 28 en contra a profesora viguesa Edita de Lorenzo é dende hoxe a nova directora da ETSE de Telecomunicación e a primeira muller en Galicia ao fronte dunha escola de enxeñaría. Asume o cargo “ilusionada e con moitas gañas de traballar”, se ben o feito de ser a primeira enxeñeira en chegar a un posto destas características “fai se incremente aínda máis a miña responsabilidade. Agardo facelo ben para animar a outras profesoras a asumir cargos de xestión”, comentaba unha vez finalizadas as votacións.
Chega ao cargo nun intre crucial para as enxeñarías pois, tras anos de discusión, a semana pasada o Goberno publicou no Boletín Oficial do Estado (BOE) as fichas coas materias mínimas que terán que incluír e os requisitos que deberán cumprir as enxeñarías para poder outorgar as correspondentes atribucións profesionais aos seus tituldados. As enxeñarías técnicas pasan de ser carreiras de tres anos a grados de catro e as superiores transformaranse en máster de entre un e dous anos.
Ante este reto ao que se enfronta o novo equipo directivo, De Lorenzo salienta que a primeira medida que vai pór en marcha é o nomeamento dunha comisión de traballo que será a que se encargue de supervisar todo o proceso para lograr “un grao que estea á altura do que se merece a escola”, apuntou a nova directora, quen tamén salientou que procurará que non sexa moi extensa “para lograr así que sexa o máis áxil posible, se ben, mandaremos información continua a toda a xunta de escola, para que tamén poidan facer suxestións”. As súas previsións son ter rematado o novo plan no mes de xullo para poder entregalo á Vicerreitoría de Converxencia Europea e Titulacións antes de que comece agosto.

Outras dúas mulleres no equipo goberno

De Lorenzo vai estar acompañada na dirección por tres subdirectores e un secretario. Coa vista posta na implantación dos novos graos, creouse a subdirección de Novas titulacións e Calidade que estará a cargo da profesora Nuria González, “quen tamén estará comigo na comisión dos novos plans de estudo”, salienta a nova directora.
Outra muller, a profesora Generosa Fernández, vai asumir a subdirección de Organización Académica e terá, entre outras funcións, a responsabilidade de facer un novo plan de titorización que entraría en funcionamento coas novas titulacións.A outra subdirección será asumida polo profesor Raúl Fernado Rodríguez e encargarase das relacións externas da escola, tanto no que se refire ao intercambio de estudantes como á promoción dos convenios de prácticas con empresas.
A secretaría do centro pasa ás mans do profesor Artemio Mojón, que se encargará tamén de todo o relacionado coas infraestruturas. “Temos que estudar polo miúdo as necesidades que hai na escola e analizar cales podemos asumir dende o propio centro e en cales será necesario contactar coa Unidade Técnica”, subliña a nova directora, quen fai fincapé na importancia deste aspecto, dado as necesidades que xurdirán coa implantación dos novos títulos.

Alumna da 2ª promoción da escola

Edita de Lorenzo é ourensá de nacemento pero viguesa de adopción, pois vive na cidade olívica dende que tiña cinco anos. A ETSE de Telecomunicación é para ela como a súa segunda casa e admite coñecela ben pois entrou nela no ano 1986 como estudante da segunda promoción. “Eramos apenas unha ducia de rapazas dos 125 estudantes dese ano”, sinala ao tempo que lembra que a escola se acababa de pór en marcha “hoxe as mulleres representan case o 30% de cada promoción e no equipo docente hai unha importante presenza de mulleres”.
Unha vez rematada a carreira foi docente durante case dous anos na Universidade de Valladolid e no 1994 regresou a Vigo, onde fixo a súa tese de doutoramento, dirixida polos profesores Carey Rappaport da Northeastern University de Boston e o profesor vigués Antonio García Pino.
Admite que sempre lle gustaron as matemáticas e a física e, á hora de elixir unha titulación, “esta enxeñaría traía consigo todo o atractivo das novas tecnoloxías e a informática e as perspectivas profesionais eran excelentes, así que non o dubidei”. Dedicarse a docencia non foi premeditado nin buscado, “se ben foi algo que levei comigo dende cativa, pois lembro moi ben como daba clases na casa para gañar catro pesos no verán”. Agora o seu obxectivo é tentar facelo o mellor que poida na dirección da escola “que as cousas pequenas funcionen ben e que as grandes queden”.