DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Compartirá institución coas Premio Nobel Herta Müller ou Elfriede Jelinek e filósofo Jürgen Habermas

A profesora Helena Cortés entra na Academia da Lingua e a Literatura alemás

No proceso valoráronse as súas edicións críticas en español de autores como Goethe ou Hölderlin

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Internacional
  • Premios
  • Académica
DUVI 21/12/2018

A profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución Helena Cortés Gabaudan acaba de converterse no cuarto membro español da Deutsche Akademie für Sprache und Dichtung, a Academia da Lingua e a Literatura alemás, entidade homóloga da RAE, pero como ela mesma explica, “cun perfil máis literario”, na que se integran as e os escritores máis famosos da lingua alemá, así como as e os máis importantes xermanistas internacionais. 

A docente da Universidade de Vigo recoñece que o seu nomeamento foi unha alegría “completamente inesperada” pero que representa unha grande honra. Helena Cortés tampouco pode ocultar a ilusión que lle supón “poder coñecer de preto nas sesións da academia a todos os escritores e pensadores alemáns famosos, como as Premio Nobel Herta Müller ou Elfriede Jelinek, os filósofos Jürgen Habermas ou Rüdiger Safranski e tantos outros”. 

A diferenza da Real Academia Española da Lingua, a Deutsche Akademie für Sprache und Dichtung, explica a profesora da Universidade de Vigo, “ten unha orientación moito máis literaria, como xa se pode apreciar no propio nome e, por iso, nomean como membros aos seus homes e mulleres de letras máis relevantes”. A maior parte dos membros desta academia son alemáns ou ben expertos de países xermanfalantes, pero adóitanse reservar algúns postos para xermanistas estranxeiros de prestixio ou personalidades que teñan contribuído á difusión da cultura en lingua alemá nos seus países. Por exemplo, lembra Cortés, por parte de Italia é membro Claudio Magris e por Polonia Adam Zagajewski. De España hai outros tres membros, un deles o académico español Miguel Sáenz.

Unha longa traxectoria como xermanista

Helena Cortés ten unha ampla experiencia e traxectoria profesional no estudo da literatura e do pensamento alemá, centrándose sobre todo no período de 1800. Segundo recoñece a propia academia xermana, no proceso de elección da docente viguesa como académica de número, valoraron moi especialmente as edicións críticas ou comentadas, en español, de autores como Goethe (sobre todo Fausto), Hölderlin (unha biografía elixida como a mellor do ano 2014, a edición comentada dos seus poemas e outras moitas obras súas ou sobre el), Fontane, Rilke e outros autores. A investigadora da UVigo apunta que os académicos alemáns tiveron noticia da difusión destas obras tanto en España como en Latinoamérica “e valoran moito a combinación de facer un esforzo de difusión comprensible para un público culto xeral sen rebaixar por este motivo o rigor científico”.

Na actualidade, Helena Cortés está a traballar xunto cun grupo de investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo nun proxecto contrastivo das obras dos irmáns Grimm co acervo folclórico do conto español. Ademais, a docente viguesa é unha recoñecida tradutora de Heidegger ao español, xunto co profesor Arturo Leyte, tamén da Universidade de Vigo e, recoñece tamén que lle interesa moito o pensamento mítico e a mitoloxía xermánica. Todos os seus coñecementos e experiencia foron tamén determinantes para ser, durante dez anos, directora de varios Instituto Cervantes en Alemaña.