‘No me gusta como hablas’(o más bien no me gustas tú)’ saíu á venda este mes
A profesora María Méndez denuncia nun libro as múltiples inxustizas que se agochan detrás da discriminación lingüística
Obra “divulgativa” con múltiples exemplos que amosan as ideoloxías clasistas arredor das linguas
No me gusta como hablas (o más bien no me gustas tú). Este é o insinuante título elixido pola profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución María Méndez Santos para o seu novo libro, unha obra “divulgativa e próxima” na que, de xeito "ameno e claro", denuncia as inxustizas históricas e xerarquías de poder que se agochan detrás das múltiples formas de discriminación lingüística que perviven, “de xeito moi enraizado”, na sociedade actual.
Do ‘hai linguas máis importantes ca outras’ ao ‘só merece a pena estudar linguas con moitos falantes’; do ‘falar linguas minoritarias é de paletos’ a ‘a xente do sur fala mal’… Os exemplos son innumerables e disto se fala no libro de Méndez, situacións que calquera persoa pode ter vivido e que deixan ver como as ideoloxías clasistas e xenófabas seguen lamentablemente vixentes.
Múltiples exemplos de actualidade
“Hai anos que veño gardando noticias, vídeos, comentarios en redes sociais... de opinións e xente dicindo calquera cousa que lles pasa pola cabeza. Levaba os exemplos á clase para facer unha reflexión crítica co alumnado e o tema gustaba tanto que pensei en poñerlle orde a todo e darlle formato de libro”, explica a autora, investigadora especializada en sociolingüística e ensinanza de idiomas, quen ten exercido como docente convidada en institucións de Islandia, Irán, Austria, Malaisia, Lituania e Francia. Todos os temas que se tratan son moi actuais e, a xuízo da autora, todos os lectores e lectoras atoparán nel exemplos que recorde.
“A polémica polo uso das linguas do Estado no parlamento; as críticas á forma de falar da vicepresidenta; aquela rapaza que dicía que como lle ían esixir o catalán para traballar en Cataluña; a polémica desatada polos comentarios de partidos de extrema dereita sobre a existencia/inexistencia das linguas minorizadas segundo lles dea o aire; a discriminación a persoas estranxeiras polo seu acento a hora de alugar unha vivenda...”. Desde o punto de vista de Méndez todas estas situacións acontecen pola existencia de prexuízos: linguas útiles versus linguas ‘non útiles’, formas de falar prestixiadas versus formas de falar despretixiadas... “Calquera cuestión lingüística pode estar suxeita a unha valoración social negativa ou positiva”.
O libro aborda todos os temas que, dun ou outro xeito, están relacionados coas linguas e as diferentes formas de falalas. “Se o pensamos ben, como as linguas son a nosa forma de reflexionar e vivir no mundo, case todo ten un aspecto lingüístico que é potencialmente analizable”, destaca Méndez.
Lectura aumentada mediante códigos QR
Escrito de maneira moi sinxela, “para que calquera persoa poida gozar da súa lectura”, o libro diríxese especialmente ao alumnado de calquera titulación relacionada coa filoloxía, a tradución, as humanidades... e, en xeral, a todas as persoas interesadas na lingua. “Penso que algún sorriso vaille escapar aos lectores”, recalca a docente, quen tamén explica que a obra conta tamén cunha lectura aumentada mediante códigos QR con entrevistas, reportaxes, artigos, vídeos, podcast, cancións... “de maneira que se pode facer tan longa como se queira”.
Sinatura na Feira do Libro de Madrid e presentación en Vigo
Editado por Pie de Página, o libro saíu este mes á venda e o vindeiro venres 31 de maio a súa autora asistirá á Feira do Libro de Madrid onde asinará exemplares na caseta 257. En Vigo presentarase na librería Versus o xoves 20 de xuño ás 20.00 horas.