DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Eles transportan a morte’ é unha das sete longametraxes seleccionadas na Semana da Crítica

A profesora e produtora Beli Martínez estrea o seu novo filme no Festival de Venecia

A película presentarase tamén en Donosti

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 03/09/2021

Profesora asociada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Beli Martínez compaxina o seu labor como docente co seu traballo como produtora, faceta que o pasado mes de xullo levouna por primeira vez ata o Festival de Cannes e que fará que a próxima semana participe noutro dos principais eventos cinematográficos do mundo, o Festival Internacional de Venecia. Eles transportan a morte, a primeira longametraxe da galega Helena Girón e o canario Samuel Delgado, unha co-produción hispano-colombiana con Martínez á fronte, foi un dos sete filmes seleccionados para a 36 edición da Semana da Crítica do festival italiano. “Venecia é unha das citas de referencia a nivel mundial, asegurarte un espazo nun festival como este é moi importante”, recoñece a produtora e docente, que a próxima semana tomará parte na estrea mundial do filme que, uns días despois, presentarase en España no Festival Internacional de San Sebastián.

Sete filmes, todos eles a primeira longametraxe dos seus directores e directoras, foron seleccionados para esta sección do festival no que, nas xornadas de luns e martes, proxectarase por primeira vez Eles transportan a morte. “É unha película na que se entrelazan dúas historias, a duns mariñeiros que desertan dunhas das naves de Colón cando vai facer a viaxe a América e quedan nas Canarias e a dunhas mulleres en Galicia que van buscando unha curandeira, tratando de salvar a unha das súas irmás”, apunta Martínez dunha longametraxe “que mestura o relato histórico, a antropoloxía, a natureza e unha certa experimentación, tanto narrativa como na propia forma”. Nese senso, a produtora e docente recoñece que esta selección “é un moi bo comezo para un primeiro filme, tanto de cara a definir todo o circuíto de festivais que poidan vir a posteriori, como para a propia distribución”. De feito, a selección para esta Semana da Crítica, apunta, “permitiu que teñamos xa asegurada a distribución en España en salas comerciais”.

San Sebastián, seguinte parada

Máis aló da participación colombiana no deseño de son, Eles transportan a morte é tamén unha coprodución entre Galicia e Canarias. “Foi algo moi natural, a película rodouse nos dous territorios”, salienta Martínez dun filme que, nese senso, une “dous territorios afastados dos centros tradicionais de produción”, pero nos que están agromando proxectos “cunha mirada e un discurso propio, polo que é unha mestura moi interesante”. Ao mesmo tempo, a longametraxe contou tamén cunha axuda para o seu desenvolvemento do Festival de San Sebastián, que fará posible a súa estrea en España na xornada de apertura da 69 edición deste evento, o 17 de setembro. Eles transportan a morte é unha das 18 producións que integran Zabaltegi-Tabakalera, unha sección que busca “dar cabida ao cinema que busca novas miradas e formas”, como destaca o propio festival. “É a sección máis arriscada de Donosti, que é o festival de referencia en España e un moi bo escaparate para este traballo”, salienta Martínez cuxa traxectoria profesional está estreitamente ligada ao Novo Cinema Galego, que centrou tamén a súa tese de doutoramento pola Universidade de Vigo.

Un ano difícil de repetir

As seleccións acadadas por esta longametraxe víronse precedidas, o pasado mes de xullo, pola escolla de Sycorax, unha curta dirixida por Lois Patiño e Matías Piñeiro e coproducida por Martínez, para a Quincena de Realizadores doutro dos festivais de referencia internacional, Cannes. “Foi algo impresionante”, sinala Martínez, á vez que incide en que, por mor da pandemia, no referido aos festivais este foi “un ano diferente, no que nótase por un lado que hai moitas gañas de volver a presencialidade, pero ao mesmo tempo segue habendo moitas restricións á hora de viaxar”. Fóra disto, Martínez tamén recoñece o “difícil que é ter as túas películas en espazos de referencia”, polo que admite que o que está a vivir en 2021 “encantaríame que se volvese a dar, pero realmente é algo moi complicado”.