DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Publicado pola editorial Peter Lang

A profesora Rosa Alonso analiza nun libro os factores individuais que inflúen na aprendizaxe de segundas linguas

Como a idade, a intelixencia, a motivación, a personalidade ou as estratexias empregadas no proceso

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
M. Del Río DUVI 01/02/2023

No proceso de aprendizaxe dunha segunda lingua interveñen múltiples factores, uns relacionados co propio proceso de ensinanza e outros co suxeito que aprende. Por isto, na investigación nesta área de coñecemento cómpre analizar non só as características comúns na aprendizaxe, senón tamén atender aos factores individuais que diferencian uns estudantes doutros e que determinan que uns teñan máis éxito ca outros. Neste último aspecto é no que se centra o novo libro da profesora Rosa Alonso Alonso, do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade de Vigo. 

O volume, que acaba de ser publicado pola editorial Peter Lang, aborda, como ela mesma explica, “os factores individuais que interveñen na aprendizaxe, como a idade, a aptitude, a intelixencia, a motivación, a personalidade, o estilo cognitivo e de aprendizaxe que cada un temos e as estratexias de aprendizaxe que adoitamos empregar”. 

Tres piares

O libro apóiase en tres piares fundamentais. Por unha banda, trátase dunha obra escrita en español e deseñada para suplir a falta dunha monografía sobre os factores individuais nesta lingua, que permita o acceso ao seu estudo a estudantes de grao, mestrado e doutoramento en lingua española, así como ao profesorado de español como lingua estranxeira e a estudantes de áreas afíns. Outro aspecto que destaca da obra é o seu carácter didáctico, xa que cada tema está escrito nunha linguaxe sinxela, con táboas explicativas dos aspectos que precisan explicación e cun resumo dos aspectos máis relevantes ao final de cada un dos oito capítulos, que tamén inclúe actividades sobre o tema tratado. A isto súmase o feito de que a publicación pode ser empregada como manual individual na aula, pero tamén para a aprendizaxe autónoma ou como obra de consulta.

Esta estrutura foi deseñada, segundo indica Alonso, co propósito de permitir a comprensión da relevancia dos factores individuais na aprendizaxe da segunda lingua e o feito de recoñecer esta relevancia pode amosar ao alumnado as súas fortalezas e debilidades no seu xeito de achegarse ao proceso de aprendizaxe. Por outra banda, o feito de asumir esta individualidade pode levar ao profesor ou profesora a deseñar novos materiais adaptados ao perfil do aprendiz e a aplicar cambios no seu xeito de impartir as clases, atendendo á variedade de perfís do alumnado. 

Unha liña de investigación que se iniciou na década de 1970

Como explica a propia autora no prólogo, na área de coñecemento que aborda a aprendizaxe das segundas linguas, inicialmente prestouse máis atención aos elementos común e non foi ata a década de 1970 cando comezou a xurdir interese por establecer as características do ‘bo aprendiz’ de linguas”. Aí comezou a xestarse a atención polo diferencial, recorda a investigadora. Durante as seguintes décadas esta liña de investigación consolidouse e permitiu a publicación de numerosos artigos e capítulos de libros. Ademais, neste tampo tamén se fraguou unha evolución das diferentes formulacións, xa que mentres que inicialmente estes factores individuais se consideraban estables e inamovibles no tempo, “actualmente púidose demostrar que amosan variación, tanto temporal como situacional”. 

A orixe do interese sobre os factores individuais e os cambios experimentados centran o primeiro capítulo do libro e, a partir de aí, cada un dos sete seguintes ofrecen unha explicación detallada de cada unha das diferencias individuais: a idade, a aptitude, a intelixencia, a motivación, a personalidade e os estilos de aprendizaxe e cognitivos, e as estratexias de aprendizaxe.