Nun proxecto da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo
A profesora Soledad Torres desenvolve a primeira asistencia dixital galega con perspectiva de xénero
Despois de identificar os nesgos sexistas dos principais axentes conversacionais españois
Nun mundo cada vez máis dixitalizado, xa hai tempo que naceron os sistemas de asistencia, deseñados para facilitar a experiencia virtual das usuarias e usuarios. Empregando intelixencia artificial, este tipo de software combina referencias históricas, datos de navegación, preferencias e informacións variadas para simular conversas coas persoas que o empregan, solucionar as súas dúbidas e realizar tarefas diversas. Decatándose de que a maioría das voces dos asistentes son femininas, Soledad Torres, docente do Departamento do Sinal e Comunicacións da UVigo, analizou estes programas informáticos utilizando a perspectiva de xénero e desenvolveu unha asistencia dixital feminista.
O proxecto, titulado Desenvolvendo desde un enfoque igualitario: asistencia dixital wikifeminista, enmárcase na Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo, que busca incrementar a presenza feminina nas áreas STEM (ciencias, tecnoloxías, enxeñarías e matemáticas) e eliminar os nesgos sexistas do mundo dixital. Xunto a Torres, participaron no estudo Iria Vázquez, profesora do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía, e Mercedes Rodríguez, experta en asistentes dixitais e chatbots.
Os sistemas de recoñecemento de voz en español e galego, a exame
Observando as respostas das principais asistentas dixitais (Siri, Alexa e Cortana) a enunciados como “You are hot!”, “Are you a woman?” ou “What are you wearing?”, as investigadoras comezaron a traballar nunha achega feminista no eido da asistencia dixital. Primeiramente, seleccionaron 11 asistentes presentes no marco xeográfico español, entre os que se atopan Carol (Universidad Complutense de Madrid), Irene e Martín (Renfe), Siri (Amazon) e Google Assistant.
Co fin de identificar os estereotipos de xénero e nesgos sexistas, as autoras do traballo elaboraron un cuestionario con 45 preguntas para os asistentes co que deduciron que “o aspecto e a linguaxe empregada polos asistentes reforza os estereotipos de xénero con imaxes hipersexualizadas, voces con marca de xénero, chistes con características sexistas e linguaxes non inclusivas”. Coa súa análise puideron comprobar tamén que os asistentes “toleran o acoso e os comentarios sexuais e intimidatorios” e ademais amosan pouco interese pola igualdade de xénero e a diversidade sexual e afectiva, exceptuando Google Assistant, “que se declara feminista”.
O resultado: unha asistencia científica e feminista
Fronte ás carencias dos programas estudados, Soledad Torres, Iria Vázquez e Mercedes Rodríguez desenvolveron por primeira vez en Galicia unha asistencia dixital con perspectiva de xénero. Neste senso, as características do programa deseñáronse atendendo aos tipos de conversas, o trato e o uso de linguaxe non sexista. Así mesmo, as creadoras decidiron engadir no seu proxecto información sobre contidos wikifeministas, de xeito que o sistema achega datos de mulleres destacadas no eido científico.
No proceso de desenvolvemento desta asistencia, as investigadoras levaron a cabo unha análise pormenorizada das plataformas existentes para decidir cal era a máis adecuada para facer un axente conversacional con perspectiva de xénero. Despois de estudar a natureza de 12 plataformas e servizos de integración web, as autoras elixiron Actions on Google e Dialogflow. A asistenta proposta é unha muller científica inspirada na bioquímica Margarita Salas que, nas súas conversas coas usuarias e usuarios, visibiliza outras mulleres científicas, achegando información verificada e empregando unha linguaxe non sexista.
Como conclusión da investigación, Torres sinala que este tipo de programas pode “reforzar estereotipos ou, deseñados desde un enfoque igualitario, axudar a cambiar a realidade”, polo que cre necesario que empresas e administracións introduzan criterios de igualdade na avaliación de asistentas dixitais.